Burela, a 8 de setembro de 2015.- O Grupo Municipal Popular (GMP) mostrou a súa satisfacción pola concesión dunha subvención de 3.500 € por parte da Xunta de Galicia ó Concello de Burela para a celebración da edición do presente ano da Feira do Bonito.
Os populares afirman que “esta subvención concédese dado que a Feira do Bonito está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999, ano no que o goberno municipal do PP solicitara, xunto con Ledicia, tal recoñecemento”.
O concello de Burela recibe esta subvención ainda que non é o organizador da Feira, porque a Xunta de Galicia modificou os criterios. Antes estas subvencións concedíanse para os concellos organizadores das feiras declaradas de interese turístico galego e agora concédense para os concellos nos que se celebran este tipo de eventos.
Desde o GMP lembran que “esta subvención solicitouse co PP no goberno municipal, en concreto no mes de febreiro do presente ano, co fin de incrementar a colaboración coa S. C. Ledicia, organizadora do evento”.
O Grupo Popular recoñece “o inxente traballo que signfica sacar adiante a Feira do Bonito, e agradece o esforzo da S. C. Ledicia e dos voluntarios que a fan posible. Sen eles, non habería Feira do Bonito. E agradecémoslle á Xunta de Galicia a sensibilidade que tén para con estes eventos, o que fai posible unha maior e millor promoción turística”.