Santiago, 9 de setembro de 2015.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, afirmou que “impoñer un sistema de repartición das posibilidades de pesca das especies peláxicas baseado exclusivamente no reparto por tripulante, tal e como defende o PSOE, podería ser prexudicial para a flota galega”. “O gran problema para a flota do cerco non é derivado da falta de cota, senón que esta se ve reducida notablemente como consecuencia das sancións por sobrepesca”, apuntou.
De feito, Balseiro lembrou que desde 2009 as cotas das principais especies obxectivo do cerco (xurelo, xarda e bocarte) aumentaron un 52 por cento (un 4,4 por cento se falamos do último ano), “pero víronse notablemente recortadas polas sancións impostas cando co PSOE no goberno non existía nin xestión, nin control, dando lugar a sancións por sobrepasamento que seguimos pagando hoxe e que recortan cota”.
SOLUCIÓNS
Balseiro explicou que o Partido Popular, desde as administracións que ten responsabilidade de goberno, está intentando ofrecer solucións a este problema mediante a adopción dun plan de xestión que permita traballar á flota e impida novos sobrepasamentos.
Os populares tamén conseguiron a flexibilización das sancións (en tempo e cantidade) e estudan, no marco da Comisión sectorial do cerco do Consello Galega de Pesca, melloras no sistema de comercialización –e de feito teñen acadado un acordo co sector- para dar máis valor a cada captura.
Ademais desde o Grupo Popular defenden que calquera modelo de xestión é mellor que a “pesca olímpica” que se aplicaba antes.