Mondoñedo 19 de Setembro de 2015.- Logo de coñecer a moción que levará o BNG ao vindeiro pleno municipal, pedindo que se incremente o salario dos traballadores en base a súa antigüidade, a voceira popular, Ángeles Rodríguez, lamenta que, en tres meses, a única iniciativa de González Cruz sexa que se lle suba aos traballadores e ve nela un feito de hipocrisía política.
A popular lembrou que, ademais de proceder en error de tramitación, revela a incompetencia do anterior Goberno, que tras oito anos con capacidade de xestión e decisión, pide agora que se incrementen os salarios, cando non foi capaz de cuantificar o incremento que isto suporía para as arcas municipais.
“Preocúpalle que agora se faga isto pero non lle preocupou a situación na que se encontraban os traballadores no seu día”- criticou a popular, quen citou as labores de axuda no fogar que desempeñaban os empregados, traballando fins de semana e sen estar recoñecido no seu contrato, así coma, o persoal asignado á limpeza, sen estruturación na súa organización de traballo.
Ángeles Rodríguez lembrou tamén que ata o de agora, e por decisión do anterior Goberno, prescindíase de cociñeiro na gardaría e non se iniciou ningún tramite para cubrir a praza ou proceder a un servizo de catering e sen prevención de riscos.
A popular manifestou que non acepta leccións na defensa dos traballadores nin no incremento das melloras das súas condicións laborais e recalca que o actual Goberno popular estivo e está a traballar nestas mesmas.
Rodríguez invita á oposición a traballar con criterio e de xeito construtivo sen premura e pedindo unha subida cando non hai un estudio económico que nin reflexa datos de cal e a contía económica que se solicita subir.
“Traballaron pouco no Goberno e non foron quen de respaldar aos cuestionarios dos traballadores para a elaboración da relación de postos de traballo”- concluíu.