Cervo, 2 de setembro de 2015. A piscina olímpica municipal de San Cibrao reabrirá este xoves 3 de setembro despois de estar pechada a zona de baño durante dun mes para realizar traballos de mantemento e mellora das instalacións.
O concelleiro de Deportes, José Ramón Soto, anunciou este mércores que “o Concello de Cervo reabre a piscina olímpica de San Cibrao este xoves 3 de setembro, en horario habitual: de luns a venres, de 09.00 a 22.00 horas de forma continuada; e os sábados, de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas”.
José Ramón Soto explicou que na piscina “durante o mes de agosto a zona de baño estivo pechada para realizar traballos de mantemento, pero permaneceu aberto o ximnasio. As principais obras efectuadas consistiron en renovar as billas das duchas colocando monomandos, o cal suporá unha maior comodidade para os usuarios e tamén a regulación do consumo de auga. Tamén se executaron traballos de mantemento nos distintos elementos que constitúen o funcionamento básico da piscina. Todas estas melloras realizadas na única piscina olímpica que temos na provincia de Lugo e que é xestionada de forma pública polo Concello de Cervo sen dúbida repercutirán nun mellor servizo para todos os usuarios, número que cada ano aumenta considerablemente, pois na actualidade os socios aproxímanse aos 800”.
O edil de Deportes engadiu que “coa reapertura da piscina tamén iniciamos a inscrición para os cursos que se veñen dando durante estes últimos anos, que son de iniciación para bebés, a partir de 0 anos; iniciación e perfeccionamento, para nenos e adultos; aquagim, que son exercicios de ximnasia na auga; natación específica para a recuperación de lesións; preparación para probas e salvamento; natación para embarazadas; e actividades lúdicas saudables para nenos. Ademais acolle distintas competicións que se organizan ao longo do ano; unha mostra recente foi o campionato galego de natación, nas súas distintas modalidades, que reuniu a máis de 200 nadadores de todo Galicia, o que tivo unha enorme repercusión turística en toda a comarca”.
Soto rematou comentando que “con este tipo de actuacións, unha vez máis, o Concello de Cervo mostra que segue apostando forte polo deporte, como non pode ser doutro xeito, e, por suposto, tamén polo mantemento dos servizos públicos”.