Viveiro, 8 de setembro de 2015.- SON VIVEIRO presentou unha moción por rexistro, co fin de que o Pleno do Concello de Viveiro aprobe a declaración da nosa cidade como un lugar de acollida para refuxiadas e refuxiados.
A coalición solcítalle á Corporación o apoio para conseguir que o Concello sexa o encargado de coordinar políticas para poder acoller a persoas en risco nos seus países de orixe, como é o caso de Siria.
SON VIVEIRO considera tamén na súa petición a constitución dun grupo de traballo entre os servizos socias municipais e outras organizacións locais e internacionais con presenza no Concello para definir as medidas a adoptar neste tipo de casos. Será necesario organizar unha serie de lugares de propiedade municipal ou que, aproveitando a petición do Papa ás parroquias e comunidades relixiosas, sexan acollidas familias de refuxiados.
Tanto PSOE como PP de Viveiro están nunha posición privilexiada nas posibles negociacións coa Igrexa local, posto que con anterioridade, votaron en contra dunha Moción na que se propoñía o pagamento, por parte desta institución, do IBI correspondente ás casas reitorais e demais inmobles que posúe no noso municipio. No mesmo centro da cidade, a parroquia de San Francisco conta cun edificio de tres plantas totalmente restaurado habitado tan só por dous cregos.
Desde SON VIVEIRO, entenden que este é o momento de afrontar esta situación coa mesma intensidade que o fan tanto o goberno municipal do PSOE como a Igrexa católica de Viveiro coa Semana Santa Internacional e demais festexos de carácter relixioso que se celebran na nosa cidade.