Bruxelas, 16 de Outubro 2015. A soberanía alimentaria é unha reivindicación que vai máis alá do dereito á alimentación, situándoo como o dereito dos pobos a decidir políticas agrarias e alimentarias para garantir a súa propia alimentación, desenvolvendo un modelo agroecolóxico que asegure unha alimentación de calidade e con prácticas produtivas respectuosas cas labregas e labregos e ca Natureza.
Hoxe, Día de Acción Global pola Soberanía Alimentaria, o movemento agrario La Vía Campesina[2] e a organización internacional Grain difunden o vídeo Xuntos/as podemos enfriar o planeta, no que abondan na análise da importancia de retomar a agricultura labrega como estratexia para frear o cambio climático, e reiteran a necesidade de manter nas mans das persoas a produción e distribución dos alimentos, en detrimento da abafante agroindustria.
Así llo reiterou tamén a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, ao Comisario de Medioambiente, Miguel Arias Cañete, o pasado mércores en sesión plenaria no marco do debate sobre cambio climático: “O modelo de produción industrial e unha comercialización que fai circular os nosos alimentos milleiros e milleiros de quilómetros, son responsábeis dun elevadísimo volume de emisións. Vostede sábeo, pero seguramente os intereses dunhas poucas corporacións transnacionais impiden que fale disto a hora de buscar alternativas para contribuír á loita contra o cambio climático”.
O control da alimentación como ferramenta político-económica no marco do sistema capitalista é unha reflexión asumida como estratexia xa dende finais do século pasado, resumida polo magnate estadounidense Henry Kinssinger no ano 1970 na sentencia “dádeme o petróleo e controlarei ás nacións. Dádeme a comida e controlarei os pobos”.
Polo tanto, “precisamos alcanzar a soberanía alimentaria para ter unha soberanía real como pobo”, lembrou hoxe Senra dende Bruxelas.
Na actualidade, “son os tratados de libre comercio (TLC’s) e a especulación alimentaria a través financiarización da alimentación os dous principais ataques tanto ao dereito a termos acceso á alimentación como a que esta sexa de calidade”, sinala a eurodeputada galega. Aliás, “é moi posíbel que en pouco tempo teñamos que enfrontar de novo unha vella ameaza, o rexurdimento da Organización Mundial do Comercio (OMC), xa que segundo os documentos públicados, dende o ano 2013 a UE ten vontade de recuperar as negociacións agrarias da Ronda de Doha”.
Acceso á sala TTIP
Na actualidade, é precisamente un destes tratados de libre comercio, o TTIP (ATCI, Asociación Transatlántica sobre Comercio e Inversión), un dos principais elementos que, de ser aprobado, dificultaría inda máis a soberanía das persoas e dos pobos en relación a súa propia alimentación.
“O TTIP ataca ás denominacións de orixe (DO’s) e indicacións xeográficas protexidas (IXP’s), ás políticas públicas en materia de agricultura e alimentación; suporía tamén abrir a porta aos organismos xeneticamente modificados e á clonación animal, entre outras cousas, distanciando inda máis, polo tanto, a consecución da soberanía alimentaria dos pobos”, analizou a eurodeputada de AGEe, que o vindeiro martes 20 -de 9.00 a 11.00hrs.- accederá á sala de documentos non oficiais do TTIP localizada no Parlamento Europeo, no que será a súa segunda consulta desta documentación confidencial logo da realizada no pasado mes de xuño.
“A primeira vez tiven a sensación de que mesmo nesa sala de documentación confidencial non está toda a información precisa para coñecer exactamente o que se está a negociar…”, lembrou Senra, “é moi posíbel que nesta segunda consulta perciba o mesmo, porque non temos visto ultimamente avances en materia de transparencia con respecto a este tratado…”. Polo tanto, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa “estaremos moi atentas non só ao contido da documentación, senón tamén ás estratexias de sesgo de información e ocultamento como a que parece atoparse ao observar a selección de textos recollidos por exemplo na sala do TTIP, onde, supostamente, deberían proporcionar a todas as eurodeputadas/os información completa sobre este acordo de liberalización comercial.”