Viveiro, 15 de outubro de 2015.- Unha obra que tería que finalizar en 20 días leva máis de 100, esperemos que finalice pronto!
O 1 de Xuño do 2015 formalizábase o contrato con Oziona Solucións de Entretenimiento, S.L., empresa encargada para a execución da obra denominada “Rexeneración do parque ambiental de Parquemar” por un importe de 84.848,48€, cun prazo de execución de 20 días a contar desde a data de firma do acta de comprobación de reformulo que tivo lugar o día 1 de xullo de 2015, polo que debería finalizar a obra o 21 xullo. A día de hoxe o parque segue pechado, o tempo estipulado quintuplicouse e xa van 107 días.
A data elixida para o seu arranxo non parecía a máis propicia, en pleno período vacacional dos seus principais usuarios, os nenos e nenas que habitualmente xogan neste parque. Tampouco parecía a máis adecuada tal e como manifestaron os hostaleiros da zona, que ata tiveron que prescindir das súas terrazas algúns días, o que sen dúbida lles provocou un perxuízo por tratarse dunha época en que o bo tempo propicia que nativos e veraneantes acudan a devanditas terrazas.
O 4 de Agosto a Sra. Alcaldesa xustificaba o atraso da apertura dicindo que faltaban as farolas adaptadas ás instaladas na contorna e sobre todo porque estaban coa rexeneración do campo con céspede e rego. O certo é que seguían pasando os días e o céspede non crecía, ata que o 21 de agosto comunícanos que non se plantou, “malamente pode crecer se antes non se sementa”.
A realidade está en que o goberno local sabía perfectísimamente que o parque estaría pechado todo o verán, xa que o 16 de xullo a empresa encargada das obras presentou un escrito no que solicitaba a paralización temporal da obra por problemas no fornezo de material a instalar na obra, concretamente as farolas que non serían fornecidas previsiblemente ata o 23 de setembro. O 21 de Xullo de 2015 (día que deberían finalizar as obras) a Xunta de Goberno Local concedeu unha prórroga de dous meses para a finalización das obras á devandita empresa, concretamente ata a data indicada do 23 de setembro. Isto proba que a Sra. Alcaldesa era plenamente consciente de que o parque estaría pechado todo o verán.
Non entendemos que se ocultase a realidade aos veciños e visitantes dando largas constantemente. Agora cóntannos que greta o corcho, sucederá o mesmo que co céspede ou será verdade?
En breve empezaranse as obras na Avenida Cervantes, tocará cruzar os dedos para que estas obras non vaian polo mesmo camiño e no caso de que se produzan atrasos, que a Sra. Alcaldesa informe aos veciños con claridade e non se escude en discursos pouco claros.