Burela, 9 de novembro de 2015.- O Concello organizará charlas sobre saúde logo do éxito que tivo a impartida a semana pasada polo xefe de Pediatría do Hospital da Costa, Manuel Silveira, sobre a meninxite B. Así o anunciou o alcalde de Burela, Alfredo Llano, que espera poder realizar estas conferencias cada mes ou mes e medio.
O rexedor dixo que “xa temos previsto realizar unha serie de conferencias médicas, ligadas á demanda, á actualidade e á necesidade de informar á poboación. Pero aínda que nada máis sexa como pedagoxía, como elemento de coñecemento, de confrontación, preguntas e debate, imos intentar facer unhas conferencias cada mes ou mes e medio sobre temática variada, con profesionais do hospital ou non, dependendo do tema que se leve adiante”.
O alcalde defende que este tipo de programación busca atender a preocupacións dos cidadáns ou asuntos de actualidade que afecten á saúde: “vemos que a xente responde e é bo e necesario que se saiban moitas cousas que están influíndo na saúde e na preocupación dos pais e, en xeral na poboación, porque poden ser temas relacionados coa infancia pero tamén relacionado cos maiores, as enfermidades que poden aparecer e que son dunha grande importancia derivado das grandes responsabilidades que teñen os familiares”.
Alfredo Llano subliñou que “imos tratar en base á demanda que teñamos de facer unha conferencia cada mes ou mes e medio de cadencia, con diferentes profesionais e, dependendo do tema que se trate, farémolo no salón de conferencias ou no Auditorio. O outro día vimos que sería necesario un local maior dado a grande cantidade de xente. Hai que dar as grazas por ese interese, tamén ao profesional, Manuel Silveira, que estivo alí para dar esa conferencia de moi bo nivel e atendeu as preguntas que se lle formularon. Penso que a xente saíu moi contenta. Con esa impresión que temos imos facelo no futuro”.
A gravación da conferencia do Dr. Manuel Silveira pódese visualizar aquí: https://www.youtube.com/watch?v=IMXFRpifaBI