Burela, 21 de decembro de 2015.- O Concello tentará reducir en 40.000 euros ao ano o gasto en enerxía eléctrica nos edificios municipais e na iluminación pública, segundo ven de anunciar o concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey.
O edil socialista quere explicarlles aos veciños e veciñas de Burela que “este equipo de goberno está na procura de todos aqueles aforros de gastos que nos é posible na xestión das contas do Concello no apartado que atinxe a Obras e Servizos municipais”. Fernández Rey sinala que “despois de seis meses e de facer un análise profundo de gastos detectamos que temos varios aspectos do funcionamento do Concello nos que se poden ir conseguindo aforros importantes. Isto fará que poidamos dispoñer de máis cartos para facer outras cousas que son necesarias”.
Un dos aspectos nos que se pode aforrar “é nos consumos enerxéticos, e nesa liña estamos a traballar tentando instalar iluminación de baixo consumo como se fixo no Paseo da Marosa e como imos seguir facendo noutros puntos que anunciaremos en breve. Ademais disto detectamos que podemos reducir o gasto en enerxía eléctrica no día a día do Concello, que neste intres ronda os 300.000 euros anuais, podendo conseguir un aforro que pode achegarse aos 40.000 euros (cos consumos actuais). Iso será posible co cambio de contratos eléctricos e baixando potencias onde sexa posible, o que consideramos unha medida moi boa para todos os veciños e veciñas de Burela”, segue a relatar Ramiro Fernández Rey.
O concelleiro de Obras e Servizos engadiu que “estamos a traballar noutro tipo de aforros, estamos falando coas empresas que fan subministro no Concello e dando oportunidade a novo provedores a facer as súas ofertas e escollendo as máis económicas e vantaxosas para o Concello. Estamos analizando o gasto en combustibles que é outro dato importante para as arcas municipais na que tamén estamos a traballar para conseguir aforros neste subministro”.