Barreiros, 21 de diciembre de 2015.- O restaurante O Asador, de San Cosme de Barreiros, organiza o seu primeiro show room de vodas e comuñóns os días 23 e 24 de xaneiro de 2016, sábado e domingo. Neste evento colaborarán, dando a coñecer os seus trabajos, outras dez empresas da zona: Decoraciones Pura, de Foz e Burela; Centro médico estético Coida de ti, de Barreiros; Floristería Sefa, de Mondoñedo; Celebra o teu día, de Burela; Peluquería Cid, de Barreiros; Catycris, de Xove; ElFarero Audiovisuales, de Ribadeo; Pastelería Cabaleiros, de Vilanova de Lourenzá; Discoteca móvil Eventec, de Mondoñedo; e Viajes Rodríguez, de Foz.
O primeiro show room de vodas e comuñóns no restaurante O Asador, de Barreiros, será inaugurado o sábado 23 de xaneiro ás catro da tarde cun viño español e todos os asistentes serán obsequiados tamén cunha copa de cava. Ese día estará aberto ata as nove da noite.
O domingo 24 abrirá de once da mañá a oito da tarde e os asistentes, ademáis de ser obsequiados cunha copa de cava, poderán ver un pase de modelos de Catycris, que se desenvolverá ás 18 horas; e ás sete da tarde sortearanse entre os asistentes, tanto do sábado coma do domingo, 600 euros en vales de compra para utilizar nos establecementos participantes no evento. A clausura será cun viño español.
A entrada, tanto o sábado como o domingo, será libre e gratuita.
O evento foi presentado polos encargados da organización, todos eles do restaurante O Asador, de Barreiros, que son José Fernández Fernández, Digna Irimia Valea, Lorena Fernández Irimia, Emma Irimia Román e Amable Terrón Rouco. Este último é o portavoz e explicou que no show room “vai haber un pouco de todo o que se necesita para unha voda ou unha comuñón. E ademais queremos que a xente coñeza as instalacións que temos para estes e outros eventos tanto no salón de parte superior do edificio como na carpa cos seus xardíns. Queremos mostrar todo o que hai aquí aos que aínda non o coñecen: un espazo duns 1.500 metros cadrados axardinados, moi íntimo e bonito, cunha carpa de 300 metros que permite facer moitas cousas; e tamén un salón moi de acordo aos tempos actuais: moderno, con madeira e que creo que está bastante bonito. O espazo con maior capacidade é o da carpa, que pode acoller ata 220 comensais, aínda que depende da montaxe das mesas, e no salón de enriba poden facerse eventos para ata 150 persoas aproximadamente”.
Amable Terrón tamén destacou o servizo de cociña do restaurante O Asador, de Barreiros: “é unha cociña fundamentalmente tradicional, que funciona ben, con produtos bos e frescos aos que non se lles enmascara o seu propio sabor. Isto é tamén moi importante para un banquete”.
E, en canto ao evento programado para os días 23 e 24 de xaneiro, explicou que “está pensado para todo o público xeral que queira vir polo Asador e coñecer un pouco máis isto, sobre todo aquelas persoas que van facer unha celebración: unha voda, unha comuñón, un bautizo, unhas vodas de ouro ou de prata, etcétera. Ademais de ver todo o que se vai mostrar aquí eses dous días, invitarémolos a unha copiña e falaremos con eles, responderemos ás dúbidas que teñan, tanto nós como os representantes de todas as empresas que participan. Seguro que verán algo que lle interesará”.