Burela, 26 de xaneiro de 2016.- O alcalde burelés, Alfredo Llano, asinou este martes á mañá coa xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, o convenio de intercambio de información e colaboración administrativa para que os veciños e veciñas podan facer trámites deste departamento no Concello sen necesidade de desprazarse a Lugo. Trátase, por exemplo, da realización de cambios de domicilio dos permisos de condución e circulación, segundo explicou o rexedor.
Llano contou que “esta mañá tivemos a firma deste convenio, que xa estaba previsto facela hai tempo, pero que por diversas causas non houbo oportunidade de materializala. Hoxe estivo aquí a xefa provincial de tráfico, Paula Yubero, e asinamos ese convenio que eu penso que é moi interesante para todos os veciños e veciñas de Burela. Do que se trata é de que nos sirva para facer os cambios domiciliarios nos permisos de condución ou de circulación daquelas persoas que por diversas razóns teñan esta necesidade. Esa xestión poderase facer en breve desde o Concello de Burela. Esa información con eses cambios que recollamos enviaráselle a tráfico para a súa tramitación e despois xa eles remitirán a documentación correspondente aos interesados”.
O alcalde de Burela subliñou que “deste xeito evitamos desprazamentos a Lugo. Na web do Concello haberá enlaces e información sobre este asunto para as persoas que teñen que mudar os seus domicilios. É unha boa cousa para os veciños e veciñas de Burela”.