Burela, 26 de xaneiro de 2016.- A edición do xoves 21 de xaneiro de 2016 do programa “Parolando” de Radio Burela, dirixido e presentado por Pepe Peinó, vén de superar as 350 reproducións no servizo de Radio á Carta da Emisora do Corazón da Mariña en Internet, convertíndose así no programa máis escoitado en liña da radio burelesa en case ano e medio.
Na edición do xoves 21, o programa presentou un interesante coloquio sobre o problema gandeiro e dos produtores lácteos. Varios gandeiros estiveron presentes: Manuel Sandamil (de Castro de Rei), Senén Saavedra (da Pastoriza), Juanjo Fraga (de Alfoz) e Daniel Vega (de Ribadeo). Contouse tamén coa presenza de Hilario Moliner (do sindicato Unións Agrarias) e durante unha hora coa presenza vía telefónica de Belén do Campo, Directora Xeral de Gandería da Xunta de Galicia. O debate foi intenso e nel chegouse á conclusión de que aínda queda moito que andar para a solución dos problemas no sector lácteo, dende os prezos do leite ata a loita contra a competencia co leite de fóra.
O programa pode ser escoitado íntegramente na seguinte ligazón: http://www.ustream.tv/recorded/81798406