Lugo, 5 de xaneiro do 2016.- A Área de Cultura da Deputación de Lugo puxo fin este martes ao programa “Nadal Cultural”, que se iniciou o pasado 22 de decembro, coa inaguración da mostra de artesanía “Feireando… polo Nadal” así como con diversas actividades entre as cales se incluíron os “Cantos de Nadal”, no cal participaron un ano máis as corais lucenses, o “Nadal Miúdo” con espectáculos e obradoiros dirixidos aos máis cativos, e tamén cunha importante programación dirixida ao público adulto.
Así mesmo, a programación de Nadal da Área de Cultura da Deputación de Lugo completouse co lanzamento, a comezos do mes de decembro, do programa “Títeres no Nadal”, dixido ás e aos escolares lucenses, e coa intensa programación de obradoiros desenvolta durante estas datas desde O Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) e desde a Rede Museística.
O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Xosé Ferreiro, calificou de éxito as actividades programadas dentro do “Nadal Cultural” indicando que “desde a Área de Cultura non cedemos na nosa aposta por manter unha programación cultural de calidade, gratuíta e para todos e todas”.
Feireando… polo Nadal pecha as súas portas cun resultado “satisfactorio e positivo”
A mostra de artesanía “Feireando… polo Nadal” posta en marcha desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), pecha este martes as súas portas cun resultado “satisfactorio e positivo” , indicou o Delegado de Cultura, o nacionalista Xosé Ferreiro.
Ferreiro destacou que “esta primeira edición de “Feireando… polo Nadal” cumpriu cos obxectivos polos que desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo apostamos por organizar esta mostra de artesanía: pór en valor a artesanía galega, achegándolla ao público en xeral para que coñeza que contamos con artesanía de primeirísima calidade, tanto en Lugo como no conxunto de Galiza, e contribuír a aumentar as vendas das e dos nosos artesáns durante esta tempada de Nadal”.
Para a celebración de “Feireando… polo Nadal” instaláronse un total de 8 casetas de madeira nas que artesás e artesáns como Cabuxa, Amálgama, Artesanía O Mestizo, Barro en Vivo, Mis Marinillas, M&N Joyas, Regal Cerámica e Tres Caracoles puxeron á venda os seus artigos. Así, as e os lucenses e visitantes tiveron a oportunidade de adquirir desde cerámica galega, pasando por todo tipo de artigos en coiro, xoiería ou cestería.
A estas casetas sumáronselle outras dúas nas que o un Apalpador e o seu burriño, elaborados de xeito totalmente artesanal polas traballadoras e traballadores do CENTRAD, recibían ao público que se achegou para desfrutar coas actividades programadas: demostracións de diversas vertentes da artesanía como o gravado, a cargo de Isabel Somoza, a tornería de madeira, a cargo de Félix Paz, o fiado da lá, a cargo da Asociación Cultural Bolboreta Fiandeira e o fiado do liño, da man da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Ínsua. A proposta cultural de “Feireando… polo Nadal” completouse coa teatralización de “Rodesindo da Barrosa. O Afiador” a cargo do actor mariñán Pepe Penabade ou coa actuación musical do Cé Orquestra Pantasma.