Burela, 26 de xaneiro de 2016.- Ás oito da tarde deste martes dará comezo no Concello burelés unha xuntanza da Mancomunidade de Municipios da Mariña para abordar a solicitude de subvencións ao Fondo de Compensación Ambiental. O presidente, Alfredo Llano, subliña que a partidas que nos concedan irá destinada á mellora da recollida selectiva do lixo nos concellos que así o precisen. A intención pasa por mercar contedores e cubrecontedores.
Llano explicou que “estamos en tempos de pedir subvencións. Hai unha, que xa pedimos outros anos, que se denomina Fondo de Compensación Ambiental. Do que se trata é de acadar fondos para investir na mellora da recollida selectiva do lixo. Solicitaremos unha serie de contedores: verdes do tamaño habitual, verdes máis pequenos, amarelos, papeleiras, recipientes para vidro e para papel e tamén cubrecontedores. Faremos esa petición para todos os concellos que teñan estas necesidades”.
O presidente da Mancomunidade lembrou que “o ano pasado xa se fixo e tivo moito éxito. Foron moitos os concellos que renovaron e colocaron contedores novos, grazas a esta subvención que abrangue o 80% do prezo destes recipientes. Tentaremos que todos os concellos poidan resultar beneficiados. Esta tarde coñeceremos as necesidades que ten cada un para proceder despois á súa demanda. O prazo para solicitar esta subvención remata o 31 de xaneiro e temos que solucionalo xa”.