Lugo, 24 de febreiro de 2016.- O presidente de Novas Xeracións de Lugo, Daniel Vega, amosa o seu respaldo ao proxecto político que encabezan Elena Candia e Ramón Carballo. Vega afirma que “cre máis” no proxecto da mindoniense porque aglutina experiencia e renovación.
“A renovación ten que acreditarse, non só hai que dicilo senón cumprilo e creo que Elena mestura renovación e experiencia como oposición no seu momento e como Goberno nestes momentos na cidade de Mondoñedo”, engade.
O presidente de Novas Xeración na provincia asegura que na organización os membros tiveron liberdade de voto, aínda que maioritariamente os mozos e mozas apoian a candidatura de Elena Candia. “Hai un sentimento e unha sintonía máis acusada cara a candidatura da ex presidenta da Deputación”, esgrime.
“O que lle valoro a Elena Candia é que conta cunha experiencia e renovación que por si sola non ten significado se non se acredita con feitos e creo que ela ten feito unha gran labor como oposición na Deputación, así como nos tres meses que tivo a oportunidade de ser a presidenta. Fixo un traballo magnífico que todo o partido estima e creo que ten que seguir facendo esa labor e seguir mellorando todos os días o PP e conquistando moitas posturas de moitos cidadáns que nos ven como un partido de goberno pero ás veces alonxado da realidade”.
Daniel Vega agradece ademais que a ex presidenta da Deputación vaia organizar reunións periódicas cada dous meses cos membros de Novas Xeracións e que a persoa que ostente o cargo de presidente e presidenta vaia formar parte do comité de dirección.