Ribadeo, 11 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia limitará durante a Semana Santa –en concreto, do sábado 19 ao luns 28 de marzo, ambos incluídos- o acceso ao monumento natural das Catedrais. Esta acción dá continuidade ao Plan de conservación deste espazo que se aprobou en xuño do ano pasado, e que establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta, isto é, en Semana Santa, xullo, agosto e setembro.
Así o explicou este venres a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha rolda de prensa na que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
A titular do departamento autonómico recordou que o Plan de conservación para o areal púxose en marcha co fin de preservar e conservar o espazo natural e fomentar un turismo sostible, “que beneficie tanto ás xeracións actuais, a través da dinamización económica e social da zona, como ás vindeiras, grazas á preservación deste monumento natural”.
Por iso, unha das principais medidas que se estableceu nesta folla de ruta foi limitar a afluencia masiva de visitantes, un feito que pode producir alteracións no hábitat das especies, e mesmo nos procesos erosivos da área.
O Plan de Conservación fixa unha cota máxima de 4.812 persoas diarias. Para facilitar a obtención da autorización, púxose en marcha unha páxina web (https://ascatedrais.xunta.es/), que permite facer a reserva de forma sinxela e gratuíta. O sistema xa funcionou o verán pasado, no que se recibiron preto de 240.000 visitantes. Dentro dos tres meses (xullo, agosto, e setembro) no que estivo vixente, a cota de 4.812 visitantes só se completou en 14 días, todos eles en agosto. Actualmente, as persoas interesadas xa poden realizar as reservas para os días de Semana Santa.
Reparto por cupos
As 4.812 autorizacións vanse repartir por cupos entre distintas entidades públicas e privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto, un total de 3.486. Outras 480 autorizacións serán xestionadas pola Mancomunidade de concellos da Mariña lucense; 240 polo Clúster de Turismo de Galicia; 329 polos hoteis de Ribadeo; 165 para a empresa de autobuses EOCAR, sempre que confirme que vai realizar a ruta Ribadeo-As Catedrais; e 112 para os taxis de Ribadeo.
Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre o xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese.
Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de axudar aos condutores a atopar unha praza. No Plan da Xunta tamén se coordinan as prazas de aparcadoiro, co fin de evitar conxestións. En tempada alta, disporase de catro aparcamentos distintos e gratuítos: dous deles no concello de Ribadeo, un próximo ao monumento natural, con capacidade para 120 turismos e 4 autobuses; outro a quilómetro e medio, na praia de Barreiros, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa para 140 turismos; e, durante a Semana Santa, o concello de Barreiros habilitará unhas explanadas a maiores para estacionar vehículos.
Mato fixo fincapé tamén en que este ano se volverá ofrecer aos visitantes que o desexen un servizo de guía e divulgación ambiental. As visitas realizaranse en grupos de 25 persoas, cunha duración de 30 minutos nos que se abordarán nocións sobre valores ambientais, fauna, flora e xeoloxía. O ano pasado un total de 7.000 visitantes elixiron esta opción.
Outras actuacións
A regulación das visitas é un obxectivo prioritario, “pero non o único”, subliñou a conselleira. Ao respecto, lembrou que desde xuño pasado, cando se puxo en marcha o Plan de conservación, conseguíronse distintos avances como habilitar un sendeiro para evitar que os visitantes empregaran a estrada; colocar bolardos; instalar sinais de perigo; ou poñer valados nos puntos de maior perigo. En total, o investimento nestas actuacións ascendeu a 130.000 euros, aos que se suma o orzamento para o persoal destinado no monumento nos períodos indicados (Semana Santa e época estival).
Este ano están previstas novas accións. En concreto, eliminaranse as especies exóticas e invasoras no monumento e, en coordinación coa Dirección Xeral de Costas, efectuarase unha obra de mellora das escaleiras e da explanada de acceso.
En definitiva, rematou Mato, “estamos a dar todos os pasos precisos para conseguir que aqueles que o desexen poidan gozar da beleza da praia das Catedrais, ao tempo que garantimos a súa máxima protección e conservación”.




















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



