Lugo, 23 de marzo de 2016. O Delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Xosé Ferreiro, visitou as instalacións do Museo do Mar, situado en San Cibrao, e aproveitou para reiterar o convite ao diálogo co Concello de Cervo, propietario das instalacións, e á Xunta de Galiza para traballar conxuntamente na ampliación das instalacións.
O nacionalista, que sinalou que “sumando é como se conseguen amañar os problemas”, reiterou, así, a iniciativa lanzada no pasado mes de xaneiro polo Vicepresidente da institución, o tamén nacionalista Antonio Veiga, que facía este chamamento após a sentenza do TSXG, que tombaba a aprobación polo goberno municipal de Cervo, dun estudo de detalle que permitía construír un edificio de cinco andares na parcela lindeira ao museo, dándolle así a razón á Deputación no recurso xudicial presentado contra ese acordo plenario.
O Delegado de Cultura reiterou que “a iniciativa da entidade que represento de recorrer o acordo plenario do concello de Cervo foi unha decisión política sustentada en argumentos técnicos e xurídicos válidos, tal como demostra a propia sentenza, e tiña como finalidade a protección dun edificio senlleiro como é o Museo do Mar”, dixo.
Ferreiro dixo tamén agardar “a boa disposición para dialogar por parte do concello de Cervo, que debera ser a institución mais interesada por ser titular das instalacións, máis tamén da Xunta de Galiza, entre cuxas obrigas está a de velar polo patrimonio cultural”, lembrou.
O resposable da Área de Cultura concluíu indicando que “pola nosa banda insistimos na boa disposición a chegar a acordos de colaboración institucional que fagan chegar a bo porto unha ampliación deste Museo por tódalas partes desexada” dixo.
Dende as áreas de goberno do BNG na Deputación confían no bo entendemento, e cando menos que se recolla a man tendida. Neste sentido anuncian a remisión de sendas cartas a Concello de Cervo e Delegada Provincial da Xunta para a celebración dun encontro a tres bandas para un primeiro contacto de cara a avanzar no camiño da colaboración institucional.