Santiago de Compostela, 08 de marzo de 2016.- O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, lamentou este martes a “incapacidade” da Xunta e do Goberno central á hora de facer valer a normativa comunitaria en defensa dos mariñeiros galegos. Presentou unha iniciativa na Comisión de Pesca diante da intención das autoridades francesas de facer cotizar naquel país aos mariñeiros galegos enrolados por armadores galegos en buques con bandeira gala.
O responsable socialista criticou o “manifesto desleixo” do goberno galego “á hora de poñerse a traballar para buscar unha solución rápida a este problema”. Lamentou que a Xunta estea “perdendo o tempo buscando un convenio bilateral” cando a normativa comunitaria é explícita.
Explicou que un traballador que desenvolve a súa actividade nun barco abandeirado nun Estado Membro pero cobra doutro país no que tamén reside “debe de cotizar a tódolos efectos neste último” (art. 1.1 Rto 883/2004). Amosou a súa sorpresa por que os gobernos galego e español “non son quén de facer valer a lexislación comunitaria” para apoiar a máis de 500 traballadores.
Estes poderían perder os coeficientes redutores, coa conseguinte perda de cotizantes no Réxime Especial da Seguridade Social, ao ser obrigados a darse de alta e cotizar no Établissement National Invalides de la Marine.