O salón de plenos do Concello de Burela acollía este martes 8 de marzo o acto institucional organizado para celebrar o Día Internacional da Muller. Foi presidido polo alcalde, Alfredo Llano, e pola concelleira de Servizos Sociais, Patricia Otero, e contou coa actuación de Batuko Tabanka. Precisamente foi unha das súas cancións, dedicada á muller, a que se converteu no manifesto do 8 de marzo en Burela. Patricia Otero subliñou que Batuko Tabanka “son un claro exemplo de integración e de conciliación da vida laboral e familiar, así coma embaixadoras da súa cultura e da conservación dos seus costumes”.
Os actos de celebración do día internacional da muller seguirán o xoves, 10 de marzo, cunha xornada de portas abertas ao taller de risoterapia que se imparte na aula de usos múltiples da Casa da Cultura. A edil socialista explica que “poderán asistir todas as mulleres que así o desexen. Con este taller preténdese axudar a desdramatizar as situacións da vida diaria, desenvolvendo nas persoas un espírito optimista e competitivo, ensinándonos a mellorar a visión de un/unha mesmo/a así como do noso entorno”.
E xa o 12 de marzo a Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa organiza, en colaboración do Concello burelés, unha misa ás 12.15 e un xantar ás dúas do mediodía.