Foz, 22 de abril de 2016.- Alumnos e alumnas do CEIP Número 1 de Foz estiveron este venres nas instalacións da Casa do Concello focense dentro dun programa de visitas escolares organizadas pola área municipal de arquivo. Está iniciativa, na que xa participaron outros centros e farao algún máis, contará coa asistencia total de máis de 250 rapaces, segundo destacou o alcalde, Javier Jorge Castiñeira.
O rexedor municipal explicou que a deste venres foi unha das visitas programadas polo departamento de arquivo do Concello de Foz “e a verdade é que todas as que houbo ata o de agora foron moi interesantes non só para os alumnos dos colexios públicos do concello de Foz senón tamén para os propios empregados do Concello e para min, que pasamos uns momentos moi bos con todos os rapaces”.
Javier Castiñeira engadiu que nesta actividade “aproveitamos para que nos dean a coñecer a súa opinión desde o seu punto de vista de rapaces e estudantes. A verdade é que é un traballo moi interesante que debíamos facer todas as corporacións e todas as administracións: mostrar todos os servizos que se fan nun Concello, todas as persoas que participamos, para que os rapaces xa de pequenos saiban o que é un Concello, aprecien os servizos públicos e se conciencien de que unha actitude cívica axúdanos a todos e en definitiva todo o que sexa bo para o Concello tamén o vai ser para eles”.
O alcalde subliñou que “pasamos momentos moi bos e o máis divertido é cando cos rapaces realizamos un pleno e eliximos concelleiros de acordo a aqueles alumnos que vaian contestando ás preguntas que lles facemos. Despois eses trece concelleiros infantís elixen un alcalde, tendo en conta aquel que mostra mellor o que quere para o concello, o que fala aos seus veciños e lles explica cal vai ser a súa xestión. Despois os propios concelleiros votan a ese alcalde e toma posesión”.
Castiñeira rematou agradecendo “esta iniciativa da área do arquivo do Concello de Foz e tamén a moi boa colaboración por parte dos alumnos e de todos os profesores. Estamos moi satisfeitos e desde logo hai que manifestar a gratitude absoluta polo comportamento dos rapaces”.