Ribadeo, 22 de abril de 2016.- O alcalde, Fernando Suárez Barcia, e a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, inauguraron na tarde deste venres as IX Xornadas de Abordaxe Integral da Violencia de Xénero desde o ámbito local, que se desenvolverán ata este sábado no Cine Teatro e nas que participan máis de 60 persoas, a maioría profesionais que traballan a violencia de xénero: técnic@s de igualdade, profesores, avogad@s, educadores familiares, persoal sanitario, axentes das forzas e corpos de seguridade do Estado…
Fernando Suárez Barcia salientou no seu discurso que “desde o ano 2006, 626 mulleres foron asasinadas no conxunto do Estado, case o 63% en situación de convivencia co agresor, e segundo datos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2015, 3 de cada 10 mulleres maiores de 16 anos declaran ter sido vítimas de violencia física ou sexual nos últimos doce meses, 4 se falamos da media da Unión Europea”.
O alcalde ribadense dixo que “en Galicia, desde o ano 2006, foron 40 os casos de violencia de xénero que remataron en asasinato, 7 delas no ano que ven de rematar”. Suárez Barcía indicou que “aínda que os casos de morte resulten traumáticos, a violencia de xénero é moito máis que un número de mulleres asasinadas a final de ano”.
O rexedor sinalou que “a violencia de xénero é unha realidade presente na cotianidade de moitas mulleres, de diferentes idades, de cultura diversas, con distintas expectativas sobre o seu ciclo de vida… a violencia de xénero é unha realidade estrutural e multidimensional e un fenómeno global desde o punto de vista territoral, social, económico e cultural. Ningún paralelo ou meridiano pode facer de fronteira ante a violencia contra as mulleres”.
Suárez Barcia engadiu que “chegamos ás IX Xornadas de Violencia de Xénero e vemos con preocupación como as violencias machistas seguen a invadir as nosas vidas e é importante que as e os profesionais sigades formándovos e que a sociedade civil vos acompañemos neste camiño de coñecemento e recoñecemento desta problemática. Traballar a formación e concienciar e sensibilizar en igualdade a toda a poboación convértense no antídoto máis eficaz para prever as condutas sexistas e discriminatorias cara ás mulleres”.
Finalmente o alcalde ribadense manifestou que “seguimos atopando pedras no camiño e discursos que cuestionan o feminismo como forma de vida e como camiño para crear unha sociedade mellor. Son moitos os ámbitos que requiren dunha intervención neste sentido, facilitando as achegas ás mulleres, visibilizando o seu traballo, promovendo os seus dereitos laborais, atendendo as súas necesidades básicas e dando resposta aos seus intereses estratéxicos”.
Suárez Barcia asegurou que “o que debemos ter claro en Ribadeo é que unha vila mellor para as mulleres é unha vila mellor para toda a cidadanía”.
A concelleira de Igualdade sinalou que “cada vez se destinan menos cartos por parte dalgunhas administracións para a loita contra esta lacra social” e dixo que “o que pretendemos con estas novenas xornadas desde o Concello e desde a Mesa Institucional contra a Violencia de Xénero de Ribadeo é sensibilizar á sociedade desta problemática e visibilizar a violencia e eses micro machismos que atopamos a diario arredor de nós”. Mariluz Álvarez Lastra agradeceu a asistencia a este foro de análise e de debate “no que é moi importante que entre todos e todas cambiemos impresións e interactuemos”.
Na tarde deste venres fálase no Cine Teatro de Os feminicidios no estado español, unha cuestión de Estado e sobre As violacións nas aglomeracións, nos contextos nocturnos e de ocio.
As IX Xornadas de Violencia de Xénero no ámbito local continuarán este sábado cun relatorio entre as 10:30 e as 12:00 horas de Intervencións prácticas no propio centro educativo desde a dirección do centro e desde o alumnado. Entre as 12:30 e as 14:00 horas, o colaborador da cátedra de Estudos de Xénero da Universidade de Valladolid, Miguel Ángel Arconada, falará das Resistencias masculinas á convivencia en igualdade.
E xa pola tarde haberá dous relatorios de 16:30 a 17:30 horas sobre o Proceso de reparación das mulleres vítimas da violencia de xénero e terá lugar a presentación do libro Machismos de micro nada, do grupo de traballo Fiadeiras do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.