Santiago, 22 de abril de 2016.- O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo este venres un encontro de traballo co presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos no que abordaron a situación da provincia lucense en materia da atención residencial das persoas maiores, un tema no que, como dixo o conselleiro, “a cooperación resulta fundamental entre as institucións”. Unha vez rematada a reunión, o responsable da área social do Goberno galego anunciou que este mesmo ano incrementarase o Servizo de Axuda no Fogar nun 20% e que as residencias de Castroverde e A Fonsagrada poderán comezar a súa actividade.
O conselleiro amosou ao presidente da Deputación de Lugo “toda a vontade de colaboración, imprescindible nestes casos tendo en conta a aposta realizada pola Deputación nos últimos anos coa construción de numerosas residencias”. “Neste momento, a Consellería de Política Social ten máis de 2.000 prazas concertadas na provincia de Lugo cun custo superior aos 30 millóns de euros, ademais dun investimento de 10 millóns de euros en libranzas que permiten as persoas ir á praza que elixan tanto no sistema residencial como en centro de día, así como unha cobertura importante de axuda a domicilio con máis dun millón de horas de axuda que financia a Xunta de Galicia na provincia”. Neste sentido anunciou que neste mesmo ano, antes do verán, incrementarase o Servizo de Axuda no Fogar nun 20% para seguir reducindo as listas de dependencia que é “un obxectivo fundamental nesta Consellería”. Este incremento representa un aumento catro veces maior ao dos últimos anos.
En resumo, Rey Varela fixou a colaboración coa Deputación de Lugo en dous ámbitos de actuación fundamentais. Por unha banda, o conselleiro apuntou cara a axilización das autorizacións das residencias que están rematadas para que poidan iniciar canto antes a súa actividade. Concretamente, o conselleiro anunciou a autorización de creación (que non foi solicitado ata setembro de 2015) e inicio de actividade no prazo de un mes no caso das de Castroverde e A Fonsagrada. Neste eido, Rey Varela deu conta dun trámite paralizado desde 2011 imprescindible para a explotación das residencias como é a inscrición no Rexistro Unificado de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) de Suplusa, unha vez que se solucionen os defectos dese expediente. Nesta liña informou de que no momento no que o ente provincial solicite a devandita inscrición, a Xunta de Galicia adquirirá o compromiso de evacuar o expediente no prazo dun mes.
Por outra banda, o responsable da área social reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia de concertar prazas na provincia de Lugo que “poidan axudar economicamente á explotación destas residencias”.
Cara a fin do seu relatorio, o conselleiro de Política Social insistiu na vocación do Goberno galego para “incrementar as prazas que temos na provincia de Lugo”. Do mesmo xeito apuntou que na reunión de hoxe acordouse unha “colaboración permanente entre ambas institucións” e fixou a interlocución como “a parte máis importante para cumprir o obxectivo de que as primeiras residencias poidan abrir este ano”. O conselleiro rematou o seu discurso asegurando que “despregar unha rede de servizos é un labor de todos no que ten que estar a Xunta de Galicia, a Deputación e todos os concellos”.