12 de maio de 2016.- O Consello da Xunta de Galicia aprobou este xoves o convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Cervo para o equipamento dun centro sito en San Cibrao, no cal se prestarán servizos das carteiras de promoción da autonomía e atención á dependencia.
Deste xeito a Xunta de Galicia incrementa a dispoñibilidade de equipamentos de servizos sociais na zona rural das Mariñas. En concreto, poranse á disposición de persoas maiores e/ou dependentes 53 prazas residenciais e 25 de atención diúrna. Este acordo suporá a posta en funcionamento dun centro de servizos sociais que dará resposta á demanda existente, garantindo así o dereito a que os servizos no medio rural sexan accesibles ás persoas con discapacidade e ás persoas maiores, e tomando en consideración as necesidades particulares dos cidadáns do medio rural na definición e aplicación das políticas e medidas de protección social.
O importe total do orzamento ascende a 160.000 euros, dos cales a Xunta de Galicia financia 150.000 e o Concello de Cervo, 10.000 euros. En execución dos programas de gasto para o desenvolvemento rural de Galicia, realizáronse investimentos nas súas distintas zonas rurais. Nestes programas analízase a situación e as necesidades de cada zona rural impulsando actuacións específicas obxecto de financiamento dentro do programa.
Así as cousas, entre as fontes de financiamento empregadas para acometer tales investimentos atópanse, por unha banda as cofinanciadas pola Administración Xeral do Estado a través do Programa de desenvolvemento rural (PDR) e, por outra, os recursos propios da comunidade autónoma. Nesta liña, a Xunta de Galicia está a impulsar con cargo aos seus orzamentos as actuacións que pola súa singularidade adquiren un carácter prioritario. Tal é o caso do centro de servizos sociais do Concello de Cervo, no cal só é necesario completar a dotación do equipamento para a súa posta en funcionamento.