Lugo, 18 de maio de 2016.- A Xunta de Galicia convocou en Lugo a distintos colectivos de iniciativa social para explicarlles a orde de subvencións para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, que conta cun orzamento de 975.000 euros.
A xuntanza tivo lugar no Edificio Administrativo da Xunta e contou coa presenza da delegada territorial, Raquel Arias, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a subdirectora xeral de tratamento para a violencia de xénero, María Belén Liste Lázara.
O programa articúlase a través de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de actuacións de orientación laboral, formación ou apoio á conciliación directamente dirixidas a mulleres vítimas de violencia de xénero.
A Xunta convocou a esta xuntanza aos colectivos da provincia que traballan no ámbito da igualdade, así como a representantes dos Centros de Información á Muller ou de entidades con experiencia no ámbito da inserción laboral, entre outros.
Este programa de axudas, pioneiro a nivel estatal, ten por obxecto apoiar ás mulleres vítimas de violencia de xénero na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia, e a inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para que unha muller que sufriu violencia de xénero consiga a súa independencia económica e persoal, tan necesaria para rachar os vínculos con agresor e acadar a súa efectiva recuperación integral.
A Xunta mantén o compromiso de articular unha resposta global á problemática da violencia de xénero en calquera das súas modalidades e consecuencias a través dunha asistencia integral ás mulleres vítimas e ás persoas ao seu cargo, fortalecendo a prevención para avanzar na erradicación desta lacra, polo que é preciso dotar ás vítimas da violencia de xénero das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica. Polo que esta orde ten como obxectivo prioritario o desenvolvemento de programas de inserción laboral, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.
Accións subvencionables
Será subvencionables o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, a través de accións de itinerarios de inserción, que poden comprender accións coma diagnóstico competencial e deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral para o emprego; busca activa de emprego con acompañamento e seguimento da dita busca; intermediación laboral e contacto con empresas xestionando as posibles ofertas; asesoramento/apoio na empresa en prácticas profesionais non laborais ou similar; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero.
Tamén serán obxecto do programa accións encamiñadas á formación para o emprego, tanto a formación específica por sectores profesionais como accións formativas que teñan como finalidade adquirir as competencias clave, formación lingüística, formación en coaching e/ou intelixencia emocional ou formación relativa ás características da sociedade de acollida no caso de mulleres inmigrantes.
Así mesmo, as actuacións de apoio á conciliación, que consistirán na posta á disposición de servizos de atención persoal e/ou familiar, ben no fogar ou ben nun recurso comunitario, dirixidos a facilitar a participación das mulleres en situación de violencia de xénero nas accións comprendidas no seu itinerario de inserción socio-laboral ou na formación para o emprego.