A asociación Nordés segue co seu programa de diversificación de actividades.
Despois da adicada no mes de marzo á inspección do río Sor, e a do pasado abril ó problema da plaga de véspora asiática, chega esta vez unha xornada que ten coma obxectivo a protección e posta en valor do patrimonio arqueolóxico da bisbarra do Ortegal.
Deste xeito, para o sábado 21 deste mes de maio propónse, a toda a xente que queira vir, un percorrido pola terra, lendas e historia de San Adrián de Veiga.
Nesta parroquia do concello de Ortigueira, situada xusto no límite co concello de Cariño, temos á nosa disposición un patrimonio moi rico. Por iso,para o devandito 21 de maio, Nordés ofrece un roteiro didáctico para percorrer pola mañá, con punto de saída do aparcadoiro do Centro Social de San Adrián o Castelo do Casón e o Pozo do Inferno.
Para despois da visita ós lugares indicados, e a iso das dúas da tarde, está previsto xantar na Casa Veiga un menú ó prezo de 15€, para o cal é preciso apuntarse, ata o 19 de maio, chamando ó 653756454 (Ricardo), no e-mail asociacion.nordes@gmail.com ou enviando unha mensaxe á nosa conta de Facebook. Animádevos!
Unha vez se teñan reparado forzas escomenzará a xornada de tarde, estando previsto achegarse ao castro do Monte do Medio e as mámoas do Chao da Arada. Incluso pode que se visite algún punto máis.
Ámbalas dúas saídas faranse na compaña e dirección de Vanesa Trevín, arqueóloga, e Pepe Riola, experto na historia e lendas da zona.
A hora de quedada para a xornada de mañá será nestes dous lugares, según os intereses dos participantes: ás 10:00 h. no aparcadoiro da Alameda en Ortigueira ou ás 10:30 h. no aparcadoiro do centro social de San Adrián.
Ainda que o roteiro non ten un percorrido a pé excesivo nin complicado, é necesario levar roupa e calzado axeitado para unha travesía polo monte.