A Mariña, 25 de maio de 2016.- O BNG mariñao promoverá declaracións institucionais nos concellos da Mariña e Deputación para reclamar garantías de investimento e mantemento do emprego que permitan asegurar a continuidade da industria do aluminio na comarca da Mariña. A formación nacionalista afirma que a factoría de Alcoa en San Cibrao segue representando o principal activo no PIB da provincia de Lugo e unha fonte de emprego e dinamismo económico vital para a comarca da Mariña. As noticias publicadas nestes días sobre a posíbel venda, das ou parte das plantas que a multinacional ten en Galiza son preocupantes, e neste sentido, chaman ao goberno galego a realizar as xestións necesarias para a súa permanencia, entre outras, avanzar na posta en funcionamento dunha tarifa eléctrica galega que permita a industria e familias abaratar os custes de abastecemento nun pais como Galiza excedentario na produción enerxética.
A Mariña non se pode permitir a perda de mais postos de traballo
Ana Ermida Igrexas, portavoz comarcal nacionalista, afirmou que a comarca non se pode permitir a perda dun posto de traballo mais despois dos xa perdidos nos últimos anos en empresas clave na comarca como Aglomerados ECAR, Construcións Mon, Sargadelos, ECESA, Vestas, Gres Burela, Mobles Hermida, Conservas Alonso, e tantas outras que deixaron sen emprego a centos de persoas sen que se puxeran en marcha alternativas para dinamizar a economía e o emprego nunha comarca que sempre foi puxante.
Preocupación polas noticias sobre a venda de factorías de Alcoa
As noticias difundidas nestes dias sobre a posíbel venda dunha ou varias factorías propiedade de multinacional Alcoa en Galiza, en concreto as que podan afectar aos mais de 1.300 postos de traballo das plantas de San Cibrao e empresas auxiliares, están a provocar a lóxica alarma e preocupación na comarca polas repercusións que puideran ter no mantemento do emprego na Mariña.
Galiza como país excedentario na produción enerxética ten que abaratar os custos eléctricos a empresas e familias mediante unha tarifa eléctrica propia.
A portavoz nacionalista fixo un chamamento a aclarar con celeridade as previsións que a multinacional teña para as súas factorías en San Cibrao e pediu que estas non poñan en perigo a continuidade da actividade industrial e os postos de traballo. Na mesma liña fixo un chamamento ás administracións con competencias a traballar activamente coa vista posta nestes obxectivos. Ermida fixo un chamamento á Xunta de Galiza a por en funcionamento o acordo do Parlamento Galego para a creación dunha tarifa eléctrica galega que permita a industrias e poboación en xeral abastecerse de enerxía eléctrica a prezos acordes a capacidade produtiva de Galiza como territorio excedentario que somos.
Declaración institucional en concellos e deputación
A formación nacionalista promoverá declaracións institucionais nos concellos da comarca e deputación de cara a reclamar o mantemento do emprego, a actividade industrial e os investimentos en San Cibrao, e o apoio das institucións ao cadro de persoal de Alcoa e empresas auxiliares.