Lugo, 18 de maio de 2016.- O Grupo Provincial do PP demanda que as súas reclamacións sexan incorporadas aos Orzamentos da Deputación, aprobados provisionalmente, posto que os mellora de xeito fundamental, polo que mantén a súa convicción de que sairán adiante no Pleno deste martes. As propostas que presentaron os populares supoñen, en palabras da voceira do PP na Deputación, Elena Candia, un reparto máis xusto e equilibrado e dunha maior contía para que todos os concellos podan ver atendidas as súas necesidades básicas.
Os populares consideran que é responsabilidade do goberno bipartito e, en concreto, do seu presidente, o señor Darío Campos, tratar de chegar a acordos e acadar o consenso que permita sacar adiante as contas, sobre todo cando se atopan nun Executivo en minoría que precisa do apoio dos demais grupos da Corporación para traballar.
“Cando un presidente está en minoría os instrumentos que ten para traballar deben ser o diálogo e o consenso”, precisa.
Denuncian ademais, a lentitude que mantivo o equipo de goberno para elaborar e presentar o proxecto de Presupostos, que non chegou ao Pleno ata o mes de marzo deste ano, a pesar de ter presentado o suposto borrador no Parlamento a principios de novembro. “Queda claro que aqueles documentos só eran papel mollado”, resume a popular, quen asegura que para facelo “ tal como o fixo puido aprobalos xa en outubro”.
O Grupo Provincial do PP convida a PSOE e BNG a tratar de alcanzar acordos que beneficien a toda a provincia a atenda as reclamacións dos populares. “Agora pouco importa un día arriba ou un día abaixo na aprobación das contas, o que importa de verdade é ter unhas mellores contas e iso é o que nós propomos”, explica a voceira.
Candia aclara ademais, pese ás manipulacións artelladas desde o bipartito, que os convenios asinados polos Concellos na súa época como presidenta “non se atopan en risco”, polo que non debemos deixarnos convencer por ese tipo de lerias que só buscan disfrazar a realidade.
Os populares denuncian a nula capacidade do bipartito para negociar o Presuposto cos grupos da oposición antes de elevalo ao Pleno, de maneira que achegaron unha proposta que sabían que non ía contar co apoio suficiente. O PP pretende que, unha vez se aprobe a Presuposto, calquera modificación teña que recibir o visto bo do Pleno e non sexa decidida por un Goberno en minoría unilateralmente.