A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá realizará por terceiro ano consecutivo unha fin de semana de camiñatas. Repetindo destino do ano pasado, volverán a desprazarse a Somiedo, para realizar outro par de rutas, diferentes ás do 2015.
A fin de semana do 28-29 de maio, desprazaranse á veciña comunidade de Asturias, concretamente a Somiedo, onde teñen pensado realizar dúas rutas.
O sábado, 28, realizarán a “Ruta de La Peral-Villar de Vildas” (PR.AS-14); esta primeira andaina ten unha distancia de 13kms e dificultade media-alta. Unha vez rematada a caminata, o punto de destino será Valle de Lago, onde parán a tarde, e terán a cea e aloxamento desa xornada; así como o almorzo do domingo.
Na xornada do domingo, 29, a camiñata escollida é a “Ruta subida ó Monte Rozu”, percorrido duns 6kms e dificultade baixa. A mediodía comerán de novo en Valle de Lago, e pola tarde, antes do regreso a Lourenzá, farán unha parada en Pola, a capitalidade do Concello.
O prezo da actividade é de 80 € para os socios federados, 85€ para socios non federados, 95€ para non socios que están federados, e 100€ para os non socios non federados (xa que se asegurará a ruta de montaña); e inclúe os desprazamentos en autobús de ida e volta dende Lourenzá ata Somiedo; a pernocta da noite do sábado; así como a cea do sábado, almorzo e xantar do domingo.
Anotan ata o xoves, 26 de maio; por rigurosa orde de inscrición, xa que as prazas son limitadas.
Informan detalladamente das condicións da viaxe (sistema de aloxamento, comidas, horarios…) e inscriben, no teléfono: 647 06 70 54 (Javier).