A Asociación Terras de Miranda -que abarca os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove- está a preparar a estratexia de desenvolvemento territorial para presentarse á nova convocatoria de AGADER para o Leader 2014-2020.
A Asociación leva case tres meses traballando para adaptar a mesma aos novos requisitos que esixe Agader para a selección de Grupos de Desenvolvemento Rural, cambios nos estatutos, na composición da Xunta Directiva, nas características dos asociados, etc. Poden solicitar a incorporación á mesma as entidades sen ánimo de lucro, as comunidades e mancomunidades de montes veciñais, as asociacións e organizacións profesionais e as organizacións profesionais agrarias.
Nas próximas semanas van realizar unha serie de entrevistas a diversos axentes sociais do territorio así como a realización de mesas sectoriais para que os mesmos trasladen a problemática e o potencial de cada sector co fin de elaborar a estratexia de desenvolvemento, integral e innovadora, na que se baseará e guiará as actuacións do seguinte programa Leader.
As reunións das mesas sectoriais terán lugar no Centro Comarcal do Concello de Mondoñedo, co seguinte calendario:
Mesa do benestar social: mércores 1 de xuño ás 20.00 horas.
Mesa empresarial e do emprego: xoves 2 de xuño ás 20.00 horas.
Mesa institucional: martes 7 de xuño ás 20.30 horas.
Mesa do sector agro-forestal: Mércores 8 de xuño ás 20.00 horas.
Mesa de dinamización socio-comunitaria: xoves 9 de xuño ás 19.00 horas.
Mesa de turismo e hostalería: xoves 9 de xuño ás 20.00 horas.
A participación nestas mesas é aberta a todos os sectores públicos e privados do territorio, así como a todos os colectivos que desexen participar.