Cervo, 16 de xuño de 2016.- O alcalde cervense e presidente da comisión de Medio Ambiente da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Alfonso Villares, participou este xoves nunha xornada que se celebra en Madrid e na que se analiza a xestión de residuos a través da economía circular.
Alfonso Villares comentou que “por ser o presidente da comisión de medio ambiente da Federación Española de Municipios e Provincias participei no II Foro das Cidades que se celebra en IFEMA, na feira de Madrid. É un evento no que se fala basicamente do benestar e da sustentabilidade dos espazos urbanos”.
O rexedor de Cervo explicou que “a mesa na que intervín versaba sobre a economía circular na xestión de residuos, que é un concepto económico que se enmarca dentro do que é o desenvolvemento sostible e o seu obxectivo é a produción de distintos servizos, reducindo o consumo e o desperdicio de materias primas, de auga e de enerxía”.
O presidente da comisión de medio ambiente da FEMP subliña que “cada vez máis, sobre todo no que é o sector enerxético tanto o que son os consumidores como as empresas, somos conscientes da importancia da eficiencia e da optimización dos recursos dispoñibles. Precisamente tanto a eficiencia como a optimización son as bases da economía circular, que é un novo modelo produtivo e busca o desenvolvemento sostible. Trátase de cambiar un sistema económico lineal, que era co que se levaba traballando case desde a revolución industrial e que estaba baseado na utilización e na eliminación, por un novo. Temos que concienciarnos todos os cidadáns, os representantes das distintas administracións e tamén as empresas de que necesario este sistema, que se basea na utilización, na reutilización e na reciclaxe”.