Lugo, 10 de xuño de 2016. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ven de publicar no Diario Oficial de Galicia a concesión de preto de 200.000 euros – en concreto 189.488,33 euros- a agrupacións de comerciantes da comarca da Mariña para a organización de accións de incentivación da demanda.
As axudas están dirixidas tanto á Federación de Comercio da Mariña, que percibe unha contía de 33.600 euros, como ás asociacións de comerciantes e de praceiros de ámbito local. Así, recibiron subvención o Centro Comercial Aberto (CCA) de Foz, o Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro, a ACIA de Burela, e en Ribadeo tanto o CCA como a Asociación de profesionais vendedores da praza de abastos. O importe conxunto suma 155.888 euros.
Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos tanto a través da mellora de infraestruturas como de estratexias.
Deste xeito, as axudas da consellería financian campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios, así como a elaboración de material promocional das actuacións desenvolvidas. Tamén sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer a clientela.
Por outra banda, poden desenvolverse ao abeiro deste programa accións de sinalización comercial externa -a través de elementos identificativos da área comercial-, proxectos de creación ou consolidación de centrais de compras e servizos, de creación de redes de comunicación, ou xornadas técnicas e congresos en materia de comercio.