Burela, 3 de xuño de 2016.- O Pleno do Parlamento de Galicia disporá, con toda probabilidade a próxima semana, un mandato á Administración autonómica polo que pon data de finalización ás obras do novo viario de acceso ao porto de Burela.
Os deputados do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, Vidal Martínez Sierra e Alejandro Gómez Alonso son autores dunha proposición non de lei que será obxecto de debate e votación na Cámara galega e na que se reclama a posta en servizo desta infraestrutura na presente anualidade, en 2016.
Os populares lembran que se trata dun acceso viario estratéxico para a localidade e para o conxunto da comarca mariñán chamado a evitar a circulación de máis de 146.000 vehículos pesados ao ano polo núcleo urbano de Burela e a facilitar a entrada e saída ás instalacións portuarias, o que mellorará a seguridade na zona e reforzará a competitividade e actividade económica dun dos peiraos pesqueiros e comerciais máis importantes do Cantábrico.
Múltiples contratempos
Os populares lembran que esta obra financiada desde a Xunta de Galicia sufriu os últimos anos incontables contratempos, desde a paralización xudicial dos traballos pola presentación de distintos recursos que tiveron que resolverse, á aparición de pegadas arqueolóxicas que precisaron dun plan especial de catalogación e intervención.
Amais desde o Partido Popular salientan que a pesar de non ser un novo acceso excesivamente longo –ten 1,26 quilómetros– as obras de execución material precisaron superar relevantes obstáculos e complexos retos técnicos e administrativos, como foi a modificación das vías de FEVE ou facer fronte a elevados desniveis e terraplens
Novo impulso grazas aos gobernos populares
Lembran tamén que desde a chegada ao Goberno do Partido Popular, tanto a nivel autonómico como nacional, especialmente nesta segunda lexislatura e superados os obstáculos administrativos, xurídicos e técnicos, e tras dispoñer da autorización outorgada polo ADIF (axencia estatal ferroviaria) para o desvío da liña de tren, deuse prioridade a unha actuación que tomou especial intensidade a partir de novembro de 2015 e na que a Xunta de Galicia inviste oito millóns de euros.
Aspectos técnicos
As unidades principais de obra centráronse na escavación de preto de 179.00 metros cúbicos de terra e o estendido de mestura bituminosa en quente. A actuación tamén inclúe traballos de restauración e acondicionamento paisaxístico, restauración de patrimonio histórico, drenaxe lonxitudinal e transversal e sinalización horizontal e vertical.
Actualmente o acceso á zona portuaria realízase atravesando o núcleo urbano da vila, coas molestias e a perigosidade que isto supón, tanto para os usuarios do porto como para os propios veciños do municipio, mentres que a nova vía enlazará coa Avenida da Mariña na zona portuaria, á altura da nova lonxa
O novo viario beneficiará directamente a unha poboación de máis de 9.500 habitantes do Concello de Burela, e a unha poboación aínda maior vese incrementada debido ao emprego que xera o porto e a afluencia turística que se xera sobre todo na estación de verán.