Lugo, 16 de xuño de 2016.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantivo este xoves un encontro de traballo cos membros da directiva do IES María Sarmiento, de Viveiro, encabezados por Juan Pardo Gato.
Precisamente o relevo que se producirá na dirección do centro educativo, coincidindo co remate de curso, foi un dos asuntos abordados durante o encontro, así como o inicio das obras de ampliación das que serán obxecto as instalacións. A evolución do curso académico e sobre todo os resultados obtidos polo centro no que atinxe a inserción laboral do alumnado foron outros de temas analizados na xuntanza.
No que atinxe ás obras salientouse que a súa execución da resposta ás necesidades da comunidade escolar, derivadas fundamentalmente da implantación de dous ciclos de Formación Profesional Básica e do incremento de matrícula experimentado. De feito, nos últimos seis anos o número de alumnos aumentou un 10 por cento.
En calquera caso os traballos non darán comezo ata que a actividade docente non teña rematado para non dificultar o seu desenvolvemento. Consistirán basicamente na construción dun edificio anexo ao actual que permitirá que o centro poda incrementar nuns 400 metros a súa superficie dispoñible.