O Grupo Municipal de SON VIVEIRO presenta, para o seu debate e posterior aprobación no próximo Pleno do Concello viveirés, unha moción a favor da igualdade de trato e contraria á discriminación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais ou queers.
“Por desgraza, as agresións contra a diversidade sexual derivadas do rexeitamento e o odio ás persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais ou queers –LGTBQ- persisten na nosa sociedade, malia a estar España considerada como un dos países da Unión Europea máis avanzados en igualdade real. Trátase dunha forma de violencia que convén denunciar e condenar por parte da sociedade e dos poderes públicos”, manifesta o seu Concelleiro, Marcos Besada.
Segundo SON VIVEIRO, as persoas lesbianas e bisexuais adoitan ver privado o seu acceso a tratamentos públicos de reprodución asisitida e a transexualidade continúa a considerarse como unha disforia de xénero a nivel médico. A erradicación da LGTBQfobia nos centros de emprego, nas aulas e nas rúas require dun esforzo educativo enorme, que necesita deconstruír moitos dos prexuízos naturalizados pola sociedade e que soen reproducirse de forma automática. Débese continuar traballando a nivel institucional en prol da igualdade legal, social e de feito entre todas as persoas e impedir que as conviccións morais ou ideolóxicas individuais sigan minando o avance da igualdade, que é o camiño da democracia.
Para iso, desde o Grupo Municipal de SON VIVEIRO, propoñen a adopción destes nove acordos:
1. Contribuír, nas competencias que lle son propias ao Concello, ao desenvolvemento e aplicación de todas as medidas previstas na lexislación vixente contra toda discriminación por orientación sexual, identidade de xénero e diversidade familiar, coa finalidade de erradicar da nosa sociedade calquera tipo de LGTBQfobia no ámbito familiar, escolar, laboral, social e/ou político.
2. Incluír a educación na diversidade afectivo-sexual e familiar nos programas de formación que poña en marcha o Concello, tanto para o alumnado de centros escolares como para o persoal funcionario ou técnico do municipio.
3. Impulsar, nos centros educativos da nosa cidade, a creación e posta en marcha de Titorías de Atención á Diversidade Afectivo-Sexual.
4. Izar a bandeira arco iris o 28 de xuño -día do Orgullo LGTBQ- na Casa do noso Concello, como símbolo do compromiso pola igualdade real e pola visibilidade do colectivo.
5. Retirarlles inmediatamente calquera tipo de subvención ou axuda económica ás entidades públicas ou privadas que, coas súas actuacións ou declaracións, fomenten o odio ou a discriminación cara as persoas LGTBQ.
6. Condenar a discriminación, violencia, persecución e criminalización das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e queers -así como do resto de persoas que loitan en defensa dos seus dereitos- e as leis anti-
LGTBQ que se leven a cabo en calquera lugar do mundo.
7. Poñer en marcha todos os mecanismos posibles de colaboración co resto de administracións galegas para facer efectivo o cumprimento da Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non disciriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia.
8. Instar ao Goberno da Xunta a un maior desenvolvemento da Lei 2/2014, do 14 de abril, en colaboración co movemento asociativo e demais colectivos no ámbito galego, co gallo de dotala de ferramentas e compromisos contra todo tipo de discriminación e violencia contra o colectivo.
9. Instar ao Goberno central para que se inclúa e se garanta o proceso da reasignación de sexo no catálogo de prestacións xerais da Seguridade Social e das lesbianas e mulleres bisexuais nos programas de reprodución asistida.