Burela, 28 de Xullo de 2016. Este xoves volvía ó pleno ordinario do Concello de Burela a resolución do contrato de limpeza e recollida de lixo, ante as alegacións presentadas pola empresa Celta Prix. O informe técnico externo solicitado polo equipo de goberno é claro e eleva a indemnización que se lle reclamará á empresa ó millón de euros. Chama a atención que a meirande parte deses cartos derivan da nave industrial que nunca se construíu e que ó concello de Burela lle supoñían 125.000 euros tódolos anos durante os últimos trece. “Imos coñecendo a que era debido o alto prezo da taxa de lixo que pagamos en Burela. Estas son as consecuencias e as desvantaxes que xeran as privatizacións nos servizos básicos” sinalou a concelleira do BNG Dori González Fraga.
Ademais, os nacionalistas propuxeron que a solución a longo prazo para este servizo de recollida de lixo é a remunicipalización do mesmo e traballar por mancomunalo co Concello de Cervo xunto co de abastecemento de auga. “Para nós é fundamental que o concello asuma eses servizos, que deben orientarse a ser compartidos co concello veciño para abaratar costes” recordou Dori González.
A modificación dos festivos locais, sen o apoio do tecido asociativo.
Semellaba un tema menor despois da comisión informativa, pero a declaración dos festivos locais para o 2017 contou con certa polémica. O festivo no martes de Entroido pasará ó luns, a petición da ACIA. Segundo o alcalde algunhas das asociacións que mais participan desta festa estaban de acordo pero a concelleira do BNG puido coñecer que nada mais lonxe da realidade, algunhas das asociacións non tiñan constancia deste cambio e outras non eran partidarias do cambio. “Son colectivos moi vinculados con estas celebracións e cremos que debería haber consenso para este tipo de modificacións, aínda que pensemos que pode ser unha boa iniciativa” comentou Dori xustificando a abstención na votación dese punto.
Xa na quenda de rogos e preguntas a concelleira do BNG fixo diversas preguntas acerca dos horarios do servizo de socorrismo e do estado dos accesos das praias de Portelo e A Marosa, da anunciada pasarela entre O Portelo e O Cabaliño e sobre o inicio das obras dos vestiarios do campo de herba artificial da Marosa.