O Valadouro, 29 de xullo de 2016.- O presidente e portavoz do Partido Popular local, José Manuel Lamela, acusou a socialistas e nacionalistas de bloquear o necesario arranxo do patio exterior da escola infantil pese a que é unha reclamación recorrente das nais e pais dos nenos usuarios do centro avalada con máis de 400 sinaturas dos veciños.
Os populares defenderon unha moción no último pleno, que non prosperou pola falta de apoios das forzas do Goberno local, pedindo que o Concello execute con urxencia esta obra de mantemento que, segundo o convenio regulador, é de competencia municipal, ao tratarse dunha actuación de conservación polo deterioro da superficie actual.
Lamela foi moi crítico coa actitude amosada polo alcalde socialista que fixo oídos xordos á reivindicación das nais e pais eludindo a súa responsabilidade baixo o pretexto de que aínda a resposta do Consorcio de Benestar respecto da competencia sobre a execución desta obra.
“O que está claro é que durante o verán era o mellor momento para acometer estas obras de mantemento e o Goberno local négase a executalas. Non lles importa que o próximo curso arranque cun patio deteriorado, nin tampouco o consecuente perigo para os nenos”
O BNG non se molla pero facilita o bloqueo
Os populares foron tamén moi críticos coa postura amosada polo BNG que decidiu absterse, ante a petición realizada polo PP na súa moción, unha posición que aseguran “non engana a ninguén”. Os nacionalistas “non queren mollarse neste asunto, pero saben que absténdose a moción co voto de calidade do Alcalde non sae adiante e polo tanto, están dicindo que non se faga a obra”
Lamela lamenta a actitude do Equipo de Goberno local e lembra incluso que esta é a segunda vez que o Concello do Valadouro fai deixadez das súas competencias en materia de mantemento da Escola Infantil e, de feito, xa aconteceu unha situación similar cando se produciu unha avaría que privou de auga quente ao centro durante un tempo.