Cervo, 3 de agosto de 2016. As dúas pistas de pádel recentemente construídas nas instalacións deportivas da Veiga, en San Ciprián, entrarán en servizo este xoves.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que “desde o Concello de Cervo acometéronse as obras e xa están rematadas as dúas pistas de pádel que construímos nas instalacións deportivas de A Veiga, en San Ciprián. Tivemos unha axuda da Deputación Provincial de 92.000 euros e 68.000 euros foron aportados polo Concello. É unha obra na que tamén houbo que facer o acondicionamento do chan onde se instalaron estas pistas porque era unha zona bastante anegada”.
Alfonso Villares engadiu que “é un diñeiro que nós consideramos moi ben investido porque estamos a dispoñer para todos os veciños do noso concello doutra oferta deportiva máis, neste caso de titularidade municipal. Unhas pistas de pádel, deporte que hoxe en día practícano moitos e ademais persoas de todas as idades. Isto axúdanos a incrementar todas esas instalacións deportivas que temos no concello de Cervo”.
O rexedor municipal salientou que “ademais a súa localización consideramos que é importante, nas instalacións deportivas de A Veiga. Así concentramos todo o deporte nesa zona e, por outra parte, evitamos os problemas de sabotaxes que estábamos a ter coa pista de pádel onde estaba situada ata agora, no polígono industrial de Cuíña, localización que tivo que ser no seu momento nese lugar porque se trataba dunha obra sufragada por Xestur. Esa pista que temos en Cuíña vai desaparecer”.
Villares tamén comentou que “eu quixen que nesta presentación estiveran os compañeiros que levaron a Delegación de Deportes no Concello durante estes anos: tanto Yolanda Pedreira como Rubén Fernández e Luís Guillén, e o actual concelleiro de Deportes, José Ramón Soto. Estivemos aí para ensinarlles a todos os veciños estas pistas de pádel”.
O rexedor cervense rematou explicando que “unha das pistas é cuberta e a outra non. Pero nun futuro podemos cubrila tamén; está feita a obra para que, cando teñamos fondos, poder cubrir esta segunda pista. Imos empezar así con estas dúas pistas, unha cuberta e outra non, nunha obra que está financiada polo Concello e a Deputación Provincial, á que lle agradecemos a súa aportación”.
O concelleiro de Deportes especificou que estas 2 novas pistas de pádel estarán abertas todos os días, de luns a domingo, de 9 a 22:30 horas e hai que solicitar o seu uso previamente na piscina municipal de Lieiro. José Ramón Soto tamén explicou que se manteñen os prezos que había na pista de Cuíña ata que se redacte unha nova ordenanza municipal para a utilización destas novas instalacións.