Burela, 8 de agosto de 2016. O Concello procede estes días ao lavado dos contedores de lixo, segundo ven de anunciar a edil de Medio Ambiente, Noelia Mª Ben.
A concelleira socialista indicou que “estes días estamos procedendo ao lavado dos contedores de recollida do lixo. É un proceso que se realiza varias veces ao ano para ter estes recipientes o máis limpos posible. Estas tarefas fanse aínda máis necesarias durante o verán, debido a que a poboación de Burela se incrementa e sobre todo ás altas temperaturas, que fan que se produzan algúns cheiros que queremos evitar na medida das nosas posibilidades”.
Noelia Mª Ben aproveita para lembrarlle unha vez máis á cidadanía “a necesidade de depositar o lixo en bolsas que estean ben pechadas para evitar que os desperdicios queden soltos polos contedores. Si todos intentamos facer ben as cousas iso redundará na mellor imaxe que ofrecerá a nosa vila”. E insiste en que “coas altas temperaturas que estamos a rexistrar neste verán faise máis necesario que nunca depositar o lixo nos contedores polas noites, para evitar cheiros innecesarios e desagradables durante o día”.