Burela, 09 de Agosto de 2016. Dende o BNG de Burela non poden comprender como un curso de formación en Xestión de Recursos Humanos que conta con subvención da Xunta de Galicia pode quedar nun caixón sen impartir por retrasos non procesos de selección.
Segundo puideron saber os edís nacionalistas, ninguén dende o concello se puxo en contacto coa persoa elixida para impartir o curso para dicirlle que non había tal curso, que os cartos volvían para a Xunta, despois de mais de dous meses dun proceso tan longo que non é sinxelo atoparlle explicación. “Parécenos incrible como os procesos de captación de alumnos e de selección de monitores se poden demorar tanto como para imposibilitar a existencia final do curso” salientou Mario Pillado.
O feito de atrasar tanto o comezo do curso, que tería que estar rematado a 15 de Decembro fai que se teñan que impartir unha alta cantidade de horas diarias, algo que fai moi pouco atractivo este formato, polo que case non quedan alumnos para o mesmo.
“Semella que a incapacidade e a desidia fixeron que non se levase a cabo un proceso áxil e rápido, co que o curso xa podería estar comezado” sinalou Pillado, voceiro do BNG en Burela.
Os nacionalistas rexistraron preguntas por escrito sobre esta temática.
Unha vez recibida esta información, os edís nacionalistas contactaron coas partes interesadas, tanto a persoa seleccionada para o curso, como o centro onde se ía impartir esta modalidade. Amén diso revisaron o expediente que obra nesta temática e con todo presentaron preguntas por escrito para que o goberno conteste no próximo pleno ordinario a celebrar a finais de Setembro.
Mais aló do motivo polo que non se vai impartir o curso de Xestión Integrada de Recursos Humanos, tamén chamou moito atención no BNG que dende o centro de formación fixeron o seu traballo e solicitaran a contratación de monitores para a formación a principios de Xuño despois de que a Consellería de Traballo e Benestar informara da concesión do curso o 26 de Mario, pero non se convocou o tribunal para a escolla de candidatos ata o 26 de Xullo.
Semella tamén complicado de entender que o proceso de captación de alumnos se desenvolvese en Xuño e a selección de monitores se demorase ata Xullo. “Tanto atraso é moi sospeitoso; os cartos que viñan para aproveitar o concello de Burela pérdense e cando menos dúas persoas quedan sen contratar” destacou Pillado.
Semella que ó igual que aconteceu coa contratación dos socorristas, os retrasos nos prazos e nos trámites xeran problemas de xestión, por iso o nacionalista solicita do goberno municipal que “fique mais atento e pendente deste tipo de procesos e se hai algún problema relacionado coa labor dos empregados municipais deben ter capacidade para solucionalo”.