Burela 9-8-16. O conselleiro José Manuel Rey Varela visitará este xoves ás 12:30 os Centros de Menores San Aníbal, concertados coa súa consellería, e o Centro de Acollida e Inclusión Social Mª Nazarena.
Nesta visita estará acompañado pola Directora Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, na que coñecerán de primeira man estes recursos, o seu funcionamento e as súas necesidades.
O Centro de Atención de Día, que conta con 18 prazas concertadas, atópase ocupado ao 100%, con rapaces procedentes dos concellos de Burela, Cervo, Mondoñedo e Xove.
O Centro Casa de Familia, que acolle a menores en situación de Tutela ou Garda, conta con 8 prazas concertadas, e atende a 10 nenos, nenas e adolescentes en situación de Tutela Pública, derivados dos concellos de Burela, Ferrol, Foz, Ribadeo e Xove.
O Centro de Inclusión Mª Nazarena tamén se atopa ao 100% de ocupación, atendendo a 2 unidades familiares con 3 menores ao seu cargo.
Este é o único centro da provincia que acolle a familias, e un dos poucos de Galicia.
Nesta visita, dende o Equipo Directivo, exporáselle ao conselleiro que se estude a posibilidade de recuperar as 2 prazas que se recortaron fai 3 anos por mor da crise.
Tamén se presentará a necesidade de que A Mariña conte con un Punto de Encontro Familiar, unha demanda imprescindible, xa que os puntos de encontro máis próximos atópanse en Lugo e Ferrol, e pola súa distancia fan practicamente imposible a súa utilización.
Actualmente estase atendendo no Centro de Atención de Día a 3 menores por decisión xudicial e demanda do Servizo de Menores da Xunta como Punto de Encontro.
Nos últimos anos os 2 Centros de Menores atopáronse cunha ocupación superior ao 100%.