Lugo, 17 de agosto de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo lamenta “o estado de suciedade e abandono” que presenta o municipio e pídelle ao Concello que “non eluda as súas responsabilidades e adecente a vila de inmediato”.
Os populares fan referencia á unhas recentes declaracións aos medios de comunicación do edil de Limpeza Viaria e Xestión de Residuos ribadense, Jorge Díaz, nas que delegaba na cidadanía a responsabilidade de manter limpo o municipio.
O voceiro popular, Jesús López Penabad, apuntou que “parécenos moi ben que se intente inculcar á poboación valores para respectar o medio ambiente, pero non podemos esquecer que é obligación do Concello manter limpas as rúas da nosa localidade”.
Os populares aseguran que “non se pode consentir que unha vila turística como é Ribadeo presente este estado de abandono e suciedade”. E lembraron que “estamos nunha das épocas con máis afluencia de visitantes que se están levando unha imaxe deplorable da nosa vila coas consecuencias que isto pode traer para o turismo”.
Dende o PP aseguran que “as rúas peonís atópanse cheas de lixo e desperdicios, por non falar da Praza de Abastos que presenta un estado de total abandono e que gran parte dos contedores que están rebosando”. Ademais, engaden, “esta situación xa xerou as queixas dalgúns cidadáns e de propietarios de locais hosteleiros ribadenses”.
O voceiro popular asegura que esta situación “é consecuencia da incompetencia do equipo de goberno ribadense que se ve desbordado pola chegada masiva de xente nunha das épocas de máis afluencia turística na vila e deixa entrever a falta de previsión e responsabilidade do rexedor e do seu equipo”.
Por este moivo, dende o PP esíxenlle ao Concello de Ribadeo “que tome medidas canto antes e proceda a reforzar de inmediato aos equipos de limpeza da localidade para adecentar a vila de xeito urxente”.