LUGO, 30 de setembro de 2016. Diante da crítica e difícil situación orgánica e política que atravesamos hoxe no partido socialista, esta dirección provincial socialista de Lugo quere transmitir a súa lealdade aos órganos de dirección federais e apoio expreso ao actual secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, elixido no seu día polo voto directo da militancia en un proceso de primarias.
Situación crítica e difícil que entendemos debe superarse no menor tempo posible e do xeito máis democrático e directo, que non é outro que a convocatoria inmediata dunhas primarias, que co voto directo da militancia lexitimen e apuntalen a figura da Secretaría Xeral do PSOE , e a celebración dun Congreso extraordinario que conforme unha nova Executiva Federal.
Un congreso que deberá tamén determinar as posicións estratéxicas do socialismo español diante da situación política que atravesa o país. Posicións estratéxicas que pasan por permitir ou opoñerse á investidura de Rajoy e a continuidade dos gobernos do PP, posicionarse diante dun proceso aberto de independencia en Cataluña así como actuar diante do novo escenario de partidos establecido na política española.
Este proceso congresual e de primarias que se debe iniciar canto antes a nivel federal, debería ter tamén continuidade orgánica e temporal a nivel galego e provincial propiciando, en pouco máis de tres meses, a conformación das respectivas direccións políticas a nivel nacional e provincial, avaladas e lexitimadas en tódolos casos polo voto directo e persoal da militancia, e poñendo fin así aos meses de interinidade política que estamos a vivir no partido en Galicia e Lugo.
Por último, manifestar a nosa lealdade política ás decisións democráticas que se tomen en todos e cada un destes procesos orgánicos, independentemente dos resultados que resulten a nivel español, galego ou provincial.
Xestora Provincial de Lugo