A Pontenova, 7 de setembro de 2016.- O Grupo Municipal do Partido Popular da Pontenova desvela que o alcalde e actual presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, é tan mal xestor que recoñeceu ter intervido o seu propio Concello por incumprir a regra de gasto sobre o límite ao crecemento do gasto público que impón o Goberno do Estado ás administracións locais.
O voceiro dos populares, David Álvarez, explica que o plan que ten o alcalde é o de subir os valores catastrais, como aprobaron de xeito unilateral nunha xunta de goberno, para que a partir do ano 2017 todos os veciños e veciñas teñan que pagar a nefasta xestión do equipo de Goberno, máis en concreto do seu rexedor, Darío Campos. Polo anterior, presentarán un escrito para coñecer a situación real do Concello e poder saber qué supón que estea intervido ou se lle reclamaron presentar un plan económico e financeiro. “Queremos que nos dean as explicacións oportunas a nós e a todos os veciños e veciñas”, precisa.
Os populares pregúntanse tamén cómo o socialista pretende xestionar un presuposto de máis de 90 millóns de euros como o da Deputación de Lugo cando non é capaz de cadrar as contas nun Concello do tamaño da Pontenova, no que o Orzamento municipal ascende a 1,5 millóns de euros.
Unha decisión unilateral do PSOE
O equipo de Goberno tomou a decisión de subir os valores catastrais de xeito unilateral nunha xunta de goberno, pese á negativa do PP. De feito, os populares levaron unha moción ao último Pleno ordinario na que demandaron conxelar ou baixar o que os veciños pagan pola contribución e artellar bonificacións para determinados colectivos, como os gandeiros, pero os socialistas votaron en contra.
“Non só iso, explica David Álvarez, senón que foi nese momento cando soubemos que o Concello está intervido sen que nos tivera sido notificado e sen que se lle explique aos veciños e veciñas da Pontenova os efectos desta intervención”. E todo elo, engade, como consecuencia da obra faraónica do campo de fútbol financiada polo Concello e a Deputación de Lugo que inauguraron Darío Campos e Besteiro e que supuxo un gasto de 600.000 euros e un desequilibrio económico para o Concello.
Os populares lamentan que presumiran da súa mala xestión, no que consideran “a fotografía da vergoña”, mentres agora pretenden facer un rescate financeiro subindo os valores catastrais, de maneira que o terán que asumir todos os veciños e veciñas da Pontenova. “Deixaron unha hipoteca para os veciños e veciñas e agora pretenden que se pague a través da suba da contribución”, censura o voceiro.