A Deputación abre este luns 7 o prazo de solicitude das subvencións de 75.000 euros de concorrencia competitiva para deportistas individuais da provincia de Lugo, coas que o organismo provincial premia o esforzo competitivo introducindo novos criterios, totalmente obxectivos, para a concesión destas axudas. Ademais, favorecer a actividade de persoas con capacidades diferentes, duplicando o orzamento para este colectivo con respecto ao ano pasado.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro día venres 18 de novembro, inclusive. Na páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.gal, hai habilitado un apartado con toda a información e o modelo de solicitude para a súa descarga. Poden acceder ás bolsas todos os deportistas da provincia de Lugo que posuíran ficha federativa durante o ano 2015 e que dende o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2015 participaran en competicións deportivas oficiais, tanto de carácter provincial, galego, estatal como internacional, e manteñan na data de presentación de solicitudes a súa actividade competitiva oficial e federada.
Esforzo competitivo
O Goberno da Deputación decidiu establecer novos criterios de valoración para “unha concesión máis transparente e xusta, premiando o esforzo dos deportistas”. Por 1ª vez, se terán en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais.
4 grupos de beneficiarios
As axudas, que terán un importe máximo de 2.000 euros e un importe mínimo de 300 euros cada unha delas, están dirixidas a 4 grupos de beneficiarios segundo a idade dos aspirantes a data de 31 de decembro de 2015:
– Ata 16 anos (todos os/as nacidos no ano 1999 e posteriores). Para este grupo destinaranse un total de 40.000 euros do orzamento total da convocatoria, fomentando o deporte base.
– De 17 ata 25 anos (nacidos/as no período comprendido entre o ano 1990 e 1998, ambos os dous incluídos). Para este grupo destinaranse 20.000 euros do orzamento total da convocatoria.
– De 26 ata 35 anos (nacidos/as no período comprendido entre o ano 1980 e 1989, ambos os dous incluídos). Para este grupo destinaranse 5.000 euros do orzamento total da convocatoria.
– Deportistas con capacidades diferentes (sen límite de idade) que participen nas distintas competicións e disciplinas.Para este destinaranse 10.000 euros do total do orzamento da convocatoria, o que supón o dobre que no 2015.