Mondoñedo, 9 de novembro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, avanza que o seu equipo de Goberno chegou a un acordo coa familia propietaria das fincas e inmobles que conforman o barrio do Vilar tras un proceso de negociación e co obxectivo de seguir dispoñendo do seu uso mediante unha cesión gratuíta.
O Goberno local acordou, pese aos votos en contra do BNG e PSdeG, unha addenda ao convenio do ano 2003 para destinar os bens cedidos, tal e como foron agrupados conforme ao proxectado, á habilitación da zona para usos turísticos de carácter rural e en particular, á construción dun Centro de Interpretación da Prehistoria no lugar de Vilar.
Tal e como explica a rexedora “os dono pretenden contribuír ao desenvolvemento cultural e turístico de Mondoñedo, o que motiva á familia propietaria a facer esta cesión”.
Elena Candia precisa que o actual Goberno ten previsto a súa posta en valor para un uso turístico, abrindo o Centro de Interpretación da Prehistoria, valorando o emprazamento dunha aula de realidade aumentada e tamén para a explotación do resto da instalación con usos turísticos.
Así, o Goberno local tomou a decisión de iniciar unha rolda de contactos, con distintas entidades que realizan actividades na natureza, para a súa posta en marcha.
A alcaldesa agradece, no seu nome e no de todo o equipo de Goberno, a receptividade da familia. “Destacamos a súa ilusión por axudar a formar parte dun proxecto turístico integral para a nosa cidade. Un proxecto que completará a oferta turística do noso concello e que nos identificara como un destino con actividades na natureza sumamente atractivo”, engade.
Unha herdanza mal xestionada
A rexedora explica que o Concello tivo tamén que abrir expediente de legalización das instalacións para a súa posterior posta en marcha. Recorda que o seu equipo de Goberno herdou un convenio de cesión vencido e unhas obras que non se axustaron a dereito. “Un exemplo máis da herdanza recibida e da mala xestión do anterior Goberno bipartito”.