Vén sendo frecuente que o Grupo Municipal do Partido Popular critique a este equipo de goberno, mediante declaracións nos medios de comunicación locais ou realizando preguntas nas sesións plenarias, por non ter solicitado determinadas subvencións da Xunta de Galicia; unha e outra vez véñense dando as explicacións oportunas, que na maior parte das ocasións coinciden.
Con respecto ás críticas realizadas nestes días polo voceiro popular, na prensa local, por non ter solicitada a subvención para a contratación dun axente de emprego e desenvolvemento local, cómpre explicar que segundo se establece na orde reguladora este concello podería recibir como máximo o 35% dos custes salariais totais; hai que ter en conta, ademais, que o posto referido é un grupo A e os custes entre salario e seguridade social ascenderían a uns 25.000 euros. Así pois, no caso de ter solicitada esta subvención, o Concello debería asumir como mínimo o 65% do custe derivado desa contratación (sendo frecuente neste tipo de subvencións que non se conceda a cantidade máxima, polo que o máis probable é que esta porcentaxe fose superior). Por estes motivos, e tendo en conta que o Concello xa conta cun orientador laboral, é polo que se decidiu non solicitar a subvención referida.
Gustaríanos que o Grupo Municipal do Partido Popular empregase a mesma behemencia para esixir á Xunta de Galicia as explicacións que xustifiquen por qué esa administración denegou a este Concello, dúas veces e en anos consecutivos, os obradoiros de emprego.
Gustaríanos, finalmente, aclarar que este equipo de goberno non é culpable do elevado número de persoas en situación desemprego, cuestión na que tanto a Administración Autónomica como a Administración Estatal si que teñen responsabilidades.