Cervo, 01 de febreiro de 2017.- O concello de Cervo, a través das delegación de Educación e Cultura, organiza, un ano máis, un obradoiro de teatro para os máis pequenos.
Nesta ocasión, o Grupo municipal de Teatro Pim-Pim estará conformado por 35 pequenos, de entre 6 e 13 anos.
O curso comeza este venres e prolongarase ata o mes de xuño, cando os nenos representarán as obras de creación propia que foron ensaiando, semana a semana.
O obradoiro, un ano máis, será impartido pola edil delegada de Educación e Cultura, Dolores García, que “destaca o gran éxito que está a ter ano tras ano esta iniciativa, unha actividade para os máis pequenos do Concello, coa que pretendemos que as tardes dos venres sexan lúdicas e didácticas á vez, que os nenos pasen un anaco divertido, ao tempo que van adquirindo habilidades de comunicación” , e, a través dos xogos –engadiu- “semana a semana, vemos como van perdendo ese medo escénico, presente incialmente en moitos casos”.
O obradoiro, dunha hora de duración, impartirase cada tarde de venres na Casa da Cultura, en dúas quendas: unha ás 16:00 horas e outra ás 19:30 horas.