Foz, 13 de marzo de 2017. O salón de actos da Casa da Cultura de Foz acolleu na tarde do pasado venres unha representación a cargo da compañía Ubú Teatro que é unha adaptación da obra A Galiña Azul, de Carlos Casares. Foi unha actividade incluída na Programación das Letras organizada pola biblioteca pública municipal focense.
A bibliotecaria municipal, María Jesús Álvarez Sánchez, comentou que foi unha “divertida sesión da adaptación do libro A Galiña Azul, de Carlos Casares, a cargo de Ubú Teatro, unha produción de Editorial Galaxia dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Xunta de Galicia, para dar a coñecer aos máis pequenos a obra do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas”.
A seguinte actividade dentro da Programación das Letras organizada pola biblioteca municipal de Foz será o día 19 de abril, mércores, ás 18:30 horas. A compañía Elefante Elegante representará a obra Lobo bobo.