Burela, 15 de marzo de 2017. O alcalde, Alfredo Llano, fai un balance positivo das xuntanzas mantidas hoxe en Santiago de Compostela, en Augas de Galicia, no Consorcio da Igualdade e no Igape.
O rexedor, tras a reunión mantida con técnicos de Augas de Galicia, que “o proxecto da nova Edar vai xa moi avanzado. Agora con Costas teremos que ver si a instalación é máis compacta ou máis aberta, é dicir temos que ver a superficie total que vai ocupar e os metros cadrados dos que dispoñamos no solar onde vamos situala”. Llano contou que “a nova Edar atenderá a unha poboación duns 14.000 habitantes. É moito mais moderna que a vella, menos contaminante e vai funcionar moito mellor. Ademais vaise completar con outras obras que se farán no porto para procurar que non haxa tanta concentración de augas pluviais nun punto”. E lembrou que “hai unha partida de 200.000 euros nos orzamentos da Xunta deste ano destinados para comezar as obras desta Edar, é o que eles estiman oportuno para explanar e preparar aquel solar e empezar a traballar”.
O alcalde burelés seguiu a relatar que “mantivemos Patricia Otero, a concelleira de Servizos Sociais, e mais euro despois unha xuntanza co xerente do Consorcio da Igualdade e do Benestar, Perfecto Rodríguez, para falar da nosa escola infantil e chegamos a un acordo importante. Penso que a finais de xuño as obras terán concluído na súa totalidade e a instalación contará coa dotación posta. Pode haber algunha pequena variación, pero nese mes estará rematada. Neste tempo que queda nós encargarémonos de actuar no patio de xogos, onde se creará un espazo axardinado do que poderán gozar os cativos e as cativas. E tamén nos ocuparemos da instalación eléctrica do centro. Iso agardo que estea listo nas vindeiras semanas, para poder logo colocar unha alarma por motivos de seguridade, loxicamente. E o Consorcio fará a rampla de acceso para minusválidos e a parede frontal que faltaba por facer. O resto xa está listo”.
Alfredo Llano considera “moi positivo este acordo ao que chegamos hoxe para acabar canto antes a escola infantil e proceder á súa apertura con todas as garantías en setembro. O prazo de inscrición tanto nesta como na outra xa está aberto e polo que sabemos está habendo demanda para as dúas escolas infantís”.
Finalmente o alcalde referiuse á xuntanza celebrada na sede do Igape, con técnicos deste organismo, “aos que a Fundación Expomar e o Concello burelés lles demandamos apoio económico para a Feira Expomar, que terá lugar en maio”. O rexedor dixo que “hai que ter todo en orde e imos pasiño a pasiño avanzando. Quero destacar que como a de Burela xa hai poucas feiras en todo o Estado e esta ten que seguir a ser unha referencia. O Igape está disposto a colaborar, pero hai que concretar a contía desa axuda, algo que ocorrerá nas vindeiras semanas. Eu agardo que sexa bastante importante. Que estean predispostos a colaborar coa Fundación Expomar é bo e estarán presentes na inauguración ou na clausura”.
Alfredo Llano lembro que o orzamento da Feira Expomar para este 2017 roldará os 200.000 euros. Con esta cita colaborarán as Consellerías de Mar e Industria, a Deputación de Lugo e tamén o Concello de Burela “ademais das achegas que farán os expositores que participen no evento eses días”.
O alcalde engadiu que estamos a estudar as presentacións que faremos “a nosa intención é ter unha en Santiago, outra en Lugo y unha en Burela. Pero iso concretarémolo nos próximos días”. A xerente da Fundación Expomar, Catalina Sánchez, participou tamén neste encontro xunto a Alfredo Llano e Patricia Otero.