Ribadeo, 15 de marzo de 2017. O hotel restaurante Voar, de Ribadeo, acollerá o vindeiro venres, 17 de marzo, a VI Cea de Gala de Acisa, que serán premiados o empresario Antonio Pertejo e o restaurante A Cofradía, de Rinlo.
O acto dará comezo ás 21:30 horas coa chegado dos convidados, á que seguirá a quenda de intervencións (prevista para despois das dez da noite) do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, da responsable da Área de Economía da Deputación Provincial de Lugo, Mayra García, do alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e do presidente de Acisa, David Martínez. Xa no tempo dos postres e dos cafés será cando se entreguen os galardóns ao ribadense honorífico e ao socio de honra.
A velada estará amenizada por un mago e tamén haberá outras sorpresas. Desde Acisa animan “a todos os asociados e asociadas a que acudan a esta cita anual na que se comparten vivencias e experiencias. Ao evento tamén pode asistir calquera persoa que o desexe, aínda que non sexa soci@ de Acisa. As entradas están á venda ao prezo de 25 euros tanto no Voar coma na nosa oficina, sita na Avenida de Galicia, nº 20”. O prazo para facer as reservas péchase o xoves, día 16, pola tarde-noite. O menú estará composto polos seguintes entrantes para compartir: mazá de foie, cereixas de Cabrales, tostas variadas, pulga de chipirón con papada ibérica e gominola de aceite de oliva; despois servirase pescada á brasa con ceboliña encurtida; tenreira gobernada a baixa temperatura con guarnición e de postre torrada con xeado de canela.
Á VI Cea de Gala de Acisa asistirán outras autoridades como o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano; o parlamentario autonómico Daniel Vega; e a concelleira de Comercio e Turismo ribadense, Ana Martínez.